publicidade hoxe

A Cañiza solicitará unha axuda para abordar unha nova reforma da pranta baixa da praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+

O alcalde de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, e os comerciantes da praza de abastos desta localidade invitaron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a visitar as instalacións do mercado municipal que o concello vai a mellorar nos próximos meses. Tamén estivo presente o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

O rexedor transmitiu ao delegado territorial a decisión do municipio de solicitar a colaboración económica da Consellería de Economía e Industria a través dunha subvención para proxectos municipais que teñen como obxectivo mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

Segundo explicou Miguel Adolfo Domínguez, o proxecto presentado polo concello de A Cañiza contempla unha nova fase de reformas cun investimento de case 109.000 euros dos cales o 70% serían aportados pola Consellería de Economía e Industria, é dicir, 75.800 euros. As obras que pretende executar este ano o concello suporían a habilitación e posta en funcionamento da planta baixa.

De feito, o proxecto contempla a demolición de pechamento do posto existente na planta baixa que foi realizado a base de taboleiros de madeira e a retirada da actual porta metálico de acceso a esta zona para instalar unha que siga a estética do resto da carpintería metálica do edificio.

Ademais, se levantarán os tabiques de ladrillo tanto da planta baixa como do local de reunión para praceiros, farase un revestimento de tabiques con morteiro de cemento, e reformarase os aseos.

Outras obras serán a formación de canaleta central de obra no corredor central para a limpeza deste andar e se instalará reixa en canaleta, fontanería e electricidade con iluminación tipo led, persianas nos postos e vertedeiros con grifos ducha especiais para peixe. Tamén se instalarán consignas, aparcabicicletas e un contedor vertical con catro bocas separadas para a xestión de residuos.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, pola súa banda o delegado territorial quen animou ao alcalde e aos usuarios e comerciantes da praza de abastos a continuar a mellorar estas instalacións, xa que “non podemos esquecer que as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “o concello de A Cañiza está a traballar na senda correcta para mellorar estas instalacións, xa que é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Entrega cheques da campaña Mercacañiza

O delegado territorial aproveitou a visita á A Cañiza para participar no acto de entrega dos 20 cheques da campaña Mercacañiza invitado polo alcalde da localidade.

En total, entregáronse 20 vales de 100 euros cada un que os gañadores do sorteo, que se realiza entre os veciños que mercan nos comercios da localidade, poden agora canxear nos establecementos de A Cañiza por produtos ou servizos.

A campaña foi posta en marcha fai 3 anos e medio e xa leva repartidos 15.000 euros entre os clientes do comercio de A Cañiza. “É xusto que quen merca nos nosos establecementos comerciais reciba un agasallo por confiar no comercio de proximidade”, explicou Miguel Adolfo Domínguez.

José Manuel Cores Tourís apoiou a iniciativa posta en marcha polo concello e asociación de comerciantes de localidade e animou aos veciños a seguir apostando polo comercio local, “que en definitiva é apostar polo desenvolvemento do municipio”.

30 de abril de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.