publicidade hoxe

A biblioteca de Soutomaior celebra a súa x semana do libro con actividades infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

A Biblioteca Municipal de Soutomaior preparou un programa de actividades culturais e sociais para celebrar a décima edición da súa Semana do Libro. Destacan as actividades para nenos como os talleres de Manualidades e Ciencia Máxica para escolares, os contacontos infantís e a obra de teatro “Nuncabunga” da compañía Elefante Elegante, ademais das actividades de adultos, que comprenden sesións do catro clubs de lectura en diferentes idiomas. Con estas propostas a biblioteca municipal pretende achegar aos veciños ao seu novo horario de mañá e tarde promovendo actividades en diferentes momentos que se axusten á dispoñibilidade de toda a poboación.

As actividades infantís programadas para a X Semana do Libro comezarán mañá cunha visita dos nenos e nenas do Colexio de Pontesampaio á Biblioteca. Trátase dunha iniciativa que pretende achega aos nenos ao espazo cultural da biblioteca, ensinarlles a sección infantil e animalos á lectura a través de contos. Pola tarde, ás 17:30 horas, Pablo Díaz ofrecerá o seu contacontos musical para bebés “TocToc”. A obra é totalmente gratuíta e está dirixida a nenos de ata cinco anos de idade.

O mércores, a partir das once da mañá, a biblioteca acollerá o taller práctica Ciencia Máxica para escolares. Trátase dunha actividade concertada cos centros educativos coa que se pretende espertar nos pequenos o gusto pola ciencia. Pola tarde, a partir das 16,15 horas, celebrarase unha nova sesión de Manualidades para nenos e nenas na que a artesá Elisabet Hillerud ensinará aos asistentes a confeccionar o seu propio marcapáxinas infatil.

O xoves 23, a partir das doce da mañá, os alumnos dos centros educativos locais gozarán da obra de teatro “Nuncabunga” da compañía Elefante Elegante. Trátase dun espectáculo premiado coa María Casares no ano 2013, outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

A semana terminará con outra sesión de contacontos. Esta vez será Fátima Fernández a que interpretará o seu espectáculo “Érase unha vez uns zapatos”, o venres a partir das 17:30 horas, a nenos e nenas a partir de cinco anos de idade.

En canto aos adultos, as actividades programadas para esta X Semana do Libro tamén comprenden sesións dos clubs de lectura da biblioteca municipal. O grupo de lectura en Alemán reunirase o xoves 23, ás 16:00 horas, coa obra do recentemente falecido GünterGrass, “Die Blechtommel”, como centro do encontro. O club de lectura en Inglés reunirase tres horas máis tarde, ao sete da tarde, para comentar a obra de Agatha Christie, “And thentherewewnone”.

O grupo de lectura en Francés atoparase o luns 27 ao sete da tarde para comentar a obra “Lles contes du Chat perché”, de Marcel Aymé. Por último, o club de Español/Galego, que esta sesión tratará a obra “Iacobus” de Matilde Asensi, reunirase o mércores 29, ás 18:30 horas.

As persoas interesadas en sumarse a esta actividade deben contactar coa Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior na rúa Illas Alvedosas nº 3 de Arcade, a través do teléfono 986 700 291 ou o correo electrónico biblioteca@soutomaior.com

Carriño Solidario

Outra das novidades da Biblioteca Municipal de Soutomaior é a iniciativa social “Carriño Solidario”. Trátase dun carriño de mercadillo no que a biblioteca deposita todas aquelas películas e libros que ten duplicadas ou que por diferentes razóns decidiron eliminar do catálogo. Si algún dos exemplares do carriño resulta interesante para alguén, leste pode levarllo en propiedade trocándoo por algún alimento non perecedoiro. Os alimentos recolleitos nesta iniciativa faranse chegar a Cáritas. O Carriño leva catro días en funcionamento e xa serviu para diferentes cambios de exemplares ademais de recibir varias doazóns desinteresadas de alimentos e libros.

20 de abril de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.