publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta, Porto de Vigo e Consorcio da Zona Franca desbloquean o proxecto da plataforma loxística de Salvaterra-As Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesGaliciaLocal PortadaPontevedraSalvaterra de MiñoVigo
A-
A+
Ana Pastor e Ethel Vázquez na sinatura do acordo

Ana Pastor e Ethel Vázquez na sinatura do acordo

A Xunta de Galicia, o Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo desbloquearon hoxe o proxecto da plataforma loxística de Salvaterra-As Neves coa sinatura do convenio de volta ao réxime de condominio. A ministra de Fomento, Ana Pastor, presidiu esta tarde a sinatura do acordo por parte de Ethel Vázquez, Ignacio López-Chaves e Teresa Pedrosa.

A firma deste acordo permitirá comezar este ano as obras para a execución dos sistemas xerais, obras de movementos de terras, explanación, pavimentación, drenaxe de augas, captación e tratamento, así como a conexión eléctrica e outras, que suporán un investimento total de arredor de 36 millóns de euros.

Segundo destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a colaboración entre as tres administracións implicadas está a permitir impulsar unha infraestrutura clave para o desenvolvemento futuro de Vigo, pero tamén para o de toda Galicia, que está chamada a converterse no nodo loxístico intermodal de referencia no sur da comunidade.

Grazas ao convenio asinado hoxe, esta plataforma loxística volverá ser un proxecto participado polas tres administracións implicadas no seu desenvolvemento: o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

A distribución da participación de cada un dos tres organismos volverá ser a prevista antes de que o anterior Goberno galego decidise resolver o réxime de condominio, e que na práctica supuxo deixar á Zona Franca fóra do proxecto. Deste xeito, as porcentaxes de participación volven ser as seguintes: Autoridade Portuaria de Vigo: 60,580 %, IGVS: 18,295% e Consorcio da Zona Franca de Vigo: 21,125 %.

Cabe destacar que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, rematou os accesos viarios ao polígono, cun investimento de máis de 20 millóns de euros nunha vía de altas prestacións de 4,5 km de lonxitude que conecta a autovía A-52 coa plataforma loxística.

A Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves concíbese como un complexo multifuncional disposto sobre un ámbito territorial dunhas 300 Ha, situado estratexicamente entre os municipios de Salvaterra e As Neves, no eixe vertebrador de desenvolvemento da costa atlántica da Península Ibérica e que está conectado coa autovía A-52 e co eixe da liña ferroviaria Ourense-Vigo.

A colaboración que se establece entre as tres entidades (Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento e Ministerio de Facenda e Administracións Públicas) dotará o sur da provincia de Pontevedra de solo loxístico e industrial, e facilitará a súa actividade económica e produtiva impulsando, ao mesmo tempo, a actividade e os tráficos do Porto de Vigo.

3 de marzo de 2015 | 21:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.