publicidade hoxe

Xunta e concellos de Marín e Vilaboa colaborarán na recollida de cabalos soltos ou con trancas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínVilaboa
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asinou esta mañá un convenio de colaboración cos concellos pontevedreses de Marín e Vilaboa para a recollida de cabalos soltos ou con trancas nos montes de ambos municipios. Por parte dos concellos asinaron o documento a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.

No convenio ambos concellos comprométense á detección e apresamento dos équidos en liberdade que se atopen en situación de provocar un dano efectivo e o seu traslado ás instalacións situadas no alto do monte Xaxán (Cruz de Maceira). Tamén, a obter o permiso necesario da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián (Marín) para o confinamento dos équidos no sitio mencionado.

Ademais, asumen o compromiso de comunicación á Xunta de Galicia para proceder á lectura do microchip ou, no seu caso, e cando proceda, á identificación dos mesmos. No caso de que non estiveran identificados, asumirán a pública poxa dos animais mediante bando colocado no taboleiro de anuncios dos concellos acollidos ao convenio.

Os municipios tamén se comprometen a levar a cabo a vixilancia necesaria para que non poidan ser subtraídos os animais do sitio de confinamento e a asumir solidariamente a partes iguais os custos de manutención dos équidos e os posibles danos que puideran producirse como consecuencia do confinamento dos animais dentro das instalacións.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural e do Mar comprométese á identificación dos équidos confinados nas instalacións anteriormente descritas, no caso de que finalmente deban ser trasladados a un centro de acollida, e á asunción dos custos que supoñen o traslado dos animais a un centro de acollida, sempre que sexa posible, ou o sacrificio en matadoiro autorizado, no caso de quedar deserta a poxa, trasladando os animais nas condicións legais establecidas pola normativa vixente.

30 de marzo de 2015 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.