publicidade hoxe

Xosé Sánchez Bugallo cree que Noriega debe deixar a Alcaldía de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press

O deputado do PSdeG e exalcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo xulgou que Martiño Noriega debe abandonar o seu cargo como rexedor de Teo agora que anunciou que competirá polo bastón de mando na capital galega. Ao fío diso, advertiu ao covoceiro de Anova de que Compostela “non é un trampolín” para ser presidente de nada” senón “un fin en si mesma”.

“Na miña opinión, Santiago necesita un alcalde con dedicación exclusiva e plena, e que teña como prioridade absoluta a cidade. E que teña claro que Santiago non é unha plataforma para ningunha parte, senón un fin en si mesma”, opinou o parlamentario socialista, ao ser preguntado ao respecto en rolda de prensa.

Máis alá deste extremo, Bugallo sinalou que se trata dun “anuncio superanunciado” e que “hai meses que está en tódalas partes”. “Para min non é unha sorpresa que desembarque Martiño Noriega, pero si que desembarque o alcalde de Teo”, abundou, e considerou como “límite” para que renuncie o seu cargo a súa proclamación como candidato.

Neste sentido, comparou a súa situación coa dos exconselleiros de Facenda e Educación Elena Muñoz e Jesús Vázquez Abad, que deixaron os seus cargos para concorrer ás eleccións municipais en Vigo e Ourense, respectivamente. “¿Que estariamos a dicir se cobrando un soldo de todos os galegos estivesen a facer precampaña?”, evidenciou.

Tras concluír que esta decisión se vería “bastante mal”, Sánchez Bugallo volveu sobre que a Noriega “lle pagan o soldo os veciños de Teo” e non para facer campaña en Santiago. Na mesma liña, opinou que é “atípico de todo” que un rexedor en activo se presente ás municipais noutro concello. “Non me parece correcto”, resolveu.

“TOMAR O PELO

A liña seguido, tras recordar que Noriega foi elixida “polo BNG” e que, aínda que abandonou esta formación non renunciou á alcaldía, tivo palabras de crítica para Compostela Aberta. “Non pode tomar o pelo á xente falando de movementos cidadáns”, resaltou, e detallou que as listas están compostas de integrantes de distintas formacións.

Así, subliñou que se trata “dunha coalición promovida” por Esquerda Unida, “grupos disidentes” do BNG entre os que citou Anova e Ecosocialistas, e Podemos. “É unha coalición preelectoral, que todo indica que entre eles pactaron previamente quen encabezaba a lista”, insistiu quen gobernou Santiago durante 14 anos.

Finalmente, cuestionado sobre se a marcha de Noriega de Teo dá ao PSOE máis opcións neste municipio, pois actualmente só conta cunha representante nunha corporación de 17 edís, o deputado do PSdeG indicou que talvez fosen “mellores” se el permanecese, dado o “balance do realizado estes anos” con el á fronte da Casa do concello.

12 de marzo de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.