publicidade hoxe

Un total de 55 equipos daranse cita en Vedra no Campionato Galego de Duatlón por equipos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVedra
A-
A+

Presentado este xoves o campionato cunha enorme acollida do estreno da modalidade por equipos no ámbito autonómico, superando de longo as expectativas iniciais da organización. Esta mañá foi presentado o campionato galego de duatlón por equipos. Na presentación da proba estiveron o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o Director Técnico da Federación Galega de Tríatlon Luís Piña, e o responsable de tríatlon do club Olímpico de Vedra, Ismael García.

A proba disputarase na tarde do sábado 14 de marzo en Vedra, constituíndo o primeiro campionato autonómico de duatlón na modalidade de contrareloxo por equipos. Compre destacar que a cita contará coa altísima participación de 55 equipos, o que garante a presenza de máis de 300 duatletas na proba. Presumiblemente o record de participación na modalidade de duatlón no ámbito autonómico.

Na modalidade de contrareloxo por equipos os equipos van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e estarán compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que terán que disputar a proba agrupados en todo momento. O final contara en meta o tempo do 4º integrante do club en cruzala, despois de completar un recorrido de 5 km a pe, 20 en bicicleta e 2,5 km a pe novamente. En canto aos equipos favoritos, a proba móstrase moi aberta e é moi difícil determinar un candidato ao tratarse da primeira proba nesta modalidade que se disputa en Galicia.

A organización da proba, integrada polo club Olímpico de Vedra, o concello de Vedra e a Federación Galega de Tríatlon amósase enórmemente satisfeita pola gran acollida da mesma, dando mostra de que o tríatlon e as súas modalidades é moito máis que un deporte individual no que os equipos teñen moito peso, como demostra o feito de que esta sexa de longo a proba máis numerosa do que se leva de tempada. A modalidade por equipos é ademais un formato moi vistoso para o espectador e presumiblemente será o detonante para que mais organizadores se animen a emprender probas a nivel autonómico en formatos similares.

A proba contará cun importante operativo de seguridade coordinado polos organizadores coa Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e un considerable número de voluntarios, en total preto de 60 persoas velarán porque o evento saía segundo o previsto.

Previamente a disputa do campionato galego, disputarase na mañá do sábado, como previa o 9º duatlón Escolar de Vedra, xa todo un clásico dentro do deporte escolar autonómico e que será clasificatorio para o campionato provincial. Nel prevese a participación de preto de 170 cativos o que eleva a participación da xornada entre as dúas probas a case 500 duatletas. Todo un éxito de participación.

Polo que respecta a representación local, O Olímpico de Vedra estará representado por 3 equipos masculinos e un feminino no campionato galego e 25 cativos no duatlón escolar, preto de 50 duatletas, unha cifra encomiable para unha pequena localidade de 5000 habitantes.

12 de marzo de 2015 | 20:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.