publicidade hoxe

Un total de 4.645 corredores disputarán a V Carreira Popular Torre de Hércules

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que 4.645 corredores disputarán finalmente a V Carreira Popular Torre de Hércules, Trofeo José Antonio Varela Calviño, que se celebra o sábado, día 28. En total, son 2.358 inscritos no circuíto de carreiras populares e 2.287 que o fixeron para esta proba, superando con fartura o obxectivo dos 4.000 corredores.

Entre as principais novidades da proba, que transcorre desde a chaira da Torre ata o Castelo de San Antón para regresar á Torre de Hércules (6.590 metros), destaca o feito de que se adaptou o horario para que a carreira sexa completamente nocturna. Así, as carreiras de menores celebraranse antes da absoluta e a hora de saída da absoluta atrasouse ás 19.50 horas, exactamente, 3 minutos antes da posta total de sol desa xornada.

Así, os horarios de saídas e distancias serán os seguintes:

Xuvenil – 17.15 horas- 2.300 metros

Cadete -17.15 horas- 2.300 metros

Infantil Feminino- 17.40 horas – 1.600 metros

Infantil Masculino- 17.55 horas – 1.600 metros

Alevín Feminino – 18.10 horas – 800 metros

Alevín Masculino – 18.20 horas – 800 metros

Benxamín Feminino – 18.30 horas – 800 metros

Benxamín Masculino – 18.40 horas – 800 metros

Pitufos – 18.55 horas – 150 metros

Absoluta  – 19.50 horas – 6.590 metros

Para favorecer a participación, porase en marcha un servizo de ludoteca infantil para nenos e nenas de 0 a 11 anos, destinado aos fillos dos participantes na proba absoluta. Será no Frontón da Cidade Deportiva da Torre, en horario de 19.00 a 21.30 horas.

Ademais, outra das grandes novidades é que nesta proba mantense o proceso de confirmación de asistencia iniciado na Popular de Novo Mesoiro, co obxectivo de coñecer o número real de corredores que asistirán á cita e evitar malgastar recursos. Así, todos aqueles runners que indiquen se estarán ou non na Popular Torre de Hércules entrarán nun sorteo de material deportivo. Os interesados terán que entrar nunha páxina a través dun correo electrónico que se lles enviará unha semana antes da proba. Unha vez alí, deberán confirmar a súa identidade e indicar se asistirán ou non á carreira así como se farán uso do servizo de ludoteca.

A recollida de dorsais, ademais do propio sábado 28 de marzo no Frontón da Cidade Deportiva da Torre -desde as 10.00 horas ata unha hora antes do inicio da carreira absoluta-, amplíase ao venres de 17.30 a 21.00 horas, debido ao alto número de inscritos.

Tras esta carreira chegaralle a súa quenda á VIII Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma, o 28 de xuño; a III Carreira Popular Ventorrillo, o 12 de xullo; e a IV Carreira Popular Volta a Oza, o 9 de agosto.

25 de marzo de 2015 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.