publicidade hoxe

Teo organiza unha charla informativa sobre o lobo en Francos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo organiza esta semana dúas sesións informativas sobre o tema do lobo. Unha das charlas realízase o venres 27 de marzo na escola de Francos ás 20:00 horas e está convidada calquera persoa interesada. A outra será de carácter interno e está pensada para mellorar a formación dos traballadores municipais que se poden atopar con chamadas de cidadáns por algún ataque de lobos a animais.

Durante o 2014 téñense producido en Teo denuncias de ataques de lobos a animais en varios lugares o que fixo que o Concello mantivese unha comunicación fluída coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza por esta cuestión, xa que é a única admistración competente. O Concello só pode facer realizar tarefas informativas polo que se acordou facer unha sesión de traballo con persoal de Medio Ambiente e traballadores municipais de cara a poder dar unha información axustada cando se reciben avisos deste tipo. Nesta charla interna que se fará o xoves no Concello participará persoal de atención ao público, da policía local e de protección civil. Entendendo ademais que esta problemática pode xerar interese noutros concellos próximos tramitouse convite áos servizos de protección civil de Santiago, Boqueixón, Vedra, Valga e Brión por se queren participar.

Respecto á charla pública do venres contarase con Fins Eirexas e Martiño Nercellas, representantes de Adega e especialistas no tema do lobo. Nete encontro falarase das peculiaridades desta especie, das súas costumes, ademais de explicar as problemáticas coas que se encontran os gandeiros se os mecanismos de pago das indemnizacións por parte da Xunta non son rápidos e eficaces.

Protocolo de actuación

Cando se produza un ataque dun lobo, segundo indican dende a Xunta, os propietarios deben comunicalo nas 24 horas seguintes ao suceso. Para poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente hai que chamar ao teléfono da Xunta 012, a través do que se facilita unha clave que sirve para acreditar a chamada e identificar o expediente.

Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar a investigación dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Os animais feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible.

24 de marzo de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.