publicidade hoxe

Saúdo ao equinoccio na capela de San Miguel de Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

Con motivo da chegada do Equinoccio, que anuncia o remate do inverno e o inicio da primavera e que na capela de San Miguel xera un efecto solar espectacular e certamente único a través de dúas das xanelas do pequeno edificio mozárabe, dende a Fundación Curros Enríquez en colaboración co Concello de Celanova, a parroquia de San Rosendo e un grupo de establecementos comerciais da vila, contando ademais coa xenerosa e desinteresada colaboración dos profesorado e alumnos do Obradoiro de Emprego “San Rosendo. Segue o camiño…”, xa rematado, teñen programado unha serie de actividades destinadas precisamente a difundir o patrimonio monumental de Celanova uníndoo tamén o seu patrimonio gastronómico.

Para elo, ademais da organización dunha “quedada” para poder asistir á saída do sol dende a horta da Capela de San Miguel e que terá lugar ás 7,30 horas do sábado día 21, os antigos compoñentes do obradoiro de emprego tamén organizaron para esta fin de semana o II concurso de pinchos “Pinchos da miña terra”, lembrando así o título do libro que fixo intemporal ó poeta Manuel Curros Enríquez, así como volverán repetir a experiencia da visita teatralizada nocturna “Na noite dos tempos”, que xa puxeran en marcha no transcurso do funcionamento do obradoiro de emprego e que repetirán ese mesmo día 21 en dúas sesións ás 21,00 e ás 23,00 horas cun número máximo de prazas de 50 persoas por cada sesión.

Neste caso a organización do evento conta coa colaboración da asociación de turismo rural Limia Verde, que aglutina a unha vintena de casas de turismo rural do suroeste da provincia e que incluíron esta actividade na comercialización do seu paquete de fin de semana.

O segundo concurso de pinchos “Pinchos da miña terra” é consecuencia dunha primeira edición organizada tamén no marco da actividade formativa do Obradoiro de Emprego e está previsto que teña continuidade durante as seguintes estacións do verán e do outono, completando así un ciclo anual de catro eventos anuais. O primeiro día no que xa se poderán degustar os pinchos nos locais que se sumaron á participación no concurso será o xoves, 19 e o evento será diario ata o domingo, día 22.

Nesta segunda edición, como queda dito, participarán un total de 23 establecementos de hostelería de Celanova e os pinchos poderán degustarse en todos eles ó prezo único de 1,5 €.

Pola súa banda, para asistir á visita teatralizada nocturna será imprescindible adquirir unha entrada na Oficina Municipal de Turismo ou na Casa dos Poetas ó prezo tamén único de 5€.

16 de marzo de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.