publicidade hoxe

Reforzarase a seguridade dos peóns na ponte sobre a ría de Noia cun proxecto de alumeado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoia
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o contrato polo que se licita o proxecto de Alumeado da nova ponte sobre a Ría de Noia por un importe de 92.671 euros.

O obxecto do proxecto é definir as actuacións necesarias para proceder á instalación do sistema de alumeado na parte peonil da ponte, entre as ramplas de acceso peonil ao mesmo, unha actuación demandada polos veciños.

A solución prevista inclúe este balizamento da zona peonil e o alumeado ornamental dos tirantes do viaduto. Trátase dun tipo de alumeado que incrementa a visibilidade dos viandantes sen xerar deslumbramentos. O balizamento realizarase mediante focos led e un ángulo de apertura asimétrica para evitar calquera posible cegamento aos vehículos.

Para os tirantes, pola súa banda, disponse un alumeado tamén a base de focos tipo led. Con este tipo de alumeado búscase maximizar o potencial estético do conxunto dos tirantes co fuste, ao empregar os primeiros como superficie para reflectir a luz. Con isto conséguese por unha banda realzar os tirantes na distancia, e, por outra, minimizar a dispersión da luz á atmosfera.

Por outra banda hai que destacar que a solución con leds en termos de explotación resulta moi axeitada polos baixos consumos desta tecnoloxía e o seu amplo rango de funcionamento, tanto en temperatura como en número de horas. 

Viaduto de case 1.700 metros

O viaduto executado sobre a ría ten unha lonxitude total de 1.693 metros e constitúe unha obra de grande lonxitude e visibilidade xa que se atopa xusto enfronte da vila de Noia. As obras rematáronse en xullo de 2014 e contan cunha preinstalación para o alumeado do tramo peonil.

O tráfico rexistrado o ano pasado na variante de Noia superou os 4.500 vehículos ao día, cunha media de case 8.000 vehículos cada día en xullo e 7.000 en agosto, aproximadamente.

17 de marzo de 2015 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.