publicidade hoxe

Récord de solicitudes para o obradoiro de formación de coidadores de persoas dependentes da asociación Adapta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+

O aforo da sala do centro Asprodico de Ponteareas na que se vai impartir o obradoiro de formación de coidadores de persoas dependentes resulta escaso para a demanda de solicitudes de asistencia. As 30 prazas que ofertaba a asociación Adapta de Persoas con Discapacidade de Condado e Paradanta, entidade organizadora, cubríronse tan pronto publicitaron o desenvolvemento deste taller, que conta cunha lista de espera de persoas interesadas, co que a entidade non descarta ter que repetilo máis adiante.

O venres, 27 de marzo, de 16.30 a 20.30 horasno centro Asprodico (barrio de Canedo s/n, Ponteareas), a enfermeira do CHUS de Santiago, Dolores Otero, vai impartir unha clase que tratará sobre os coidados básicos, técnicas de mobilización e prevención de caídas, hixiene e coidados da pel, alimentación e administración de medicación e coidado do coidador.

O taller está organizado a través da Escola Galega de Administración Sanitaria, e está dirixido a pacientes, familiares e coidadores de persoas dependentes. O obxectivo é dotar ás persoas coidadoras de habilidades tanto en mobilización de persoas como en cambios e hixiene postural, actualizar coñecementos en materia de coidados e crear un foro de intercambio de experiencias entre profesionais sanitarios e coidadores.

Segundo a propia entidade Adapta, o éxito de asistencia ao obradoiro de formación de coidadores de persoas dependentes está relacionado coa realidade demográfica actual, co envellecemento da poboación e co alto índice de persoas maiores dependentes e, ao mesmo tempo, coa taxa de persoas con discapacidade que hai na comarca, co que son as propias familias as que demandan a necesidade de coñecementos no coidado de persoas dependentes.

Outro dos intereses suscitados por este obradoiro está relacionado co laboral, veno como unha maneira de formarse de cara á mellora de posibilidade de emprego.

26 de marzo de 2015 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.