publicidade hoxe

Proposta para a protección das augas termais de Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

O Concello de Caldas presentou á Delegación de Economía e Industria da Xunta de Galicia unha proposta técnica para a protección definitiva das augas mineromedicinales e termais da Fonte da Burga. Trátase dunha sondaxe para captar en profundidade os fluxos termais mineromedicinais illándoos de posibles filtracións, garantindo a calidade e cantidade da auga termal.

A curto prazo, o Concello acometerá esta primavera as obras neste tramo do saneamento para a separación de augas pluviais, previndo así posibles filtracións no depósito da fonte termal.

Pero o proxecto termal que o Concello presenta vai máis alá e quere desenvolver a proposta que a propia Delegación de Industria da Xunta de Galicia recollía nun informe no que sinalaba que, dado que as características das captacións e depósitos de almacenamento son obras obsoletas e non garanten o mantemento das características físico-químicas da auga, se recomendaba ao Concello e aos titulares do Balneario Dávila unha captación única en profundidade, preservando así as condicións de orixe.

O Alcalde proporá incluír no remanente de Tesouraría do ano 2014 esta obra esencial para a protección da Burga como patrimonio público dos caldenses garantindo así a calidade das augas e evitando as posibles filtracións con outros acuíferos superficiais, coa auga de chuvia ou polo ascenso do nivel freático do río Umia en momentos de suba do caudal. Mesmo evitaría a contaminación do manancial fronte a verteduras accidentais ou roturas no saneamento, etc.

Esta solución permitirá un sistema de control permanente e automatizado para xestionar mellor as augas, protexendo en todo momento o seu caudal e, probablemente permita incrementar o caudal e a temperatura do manancial da Fonte da Burga.

Nos próximos días o Alcalde citará os propietarios dos Balnearios de Caldas para expoñerlles os detalles da proposta e valorar as vías de acordo para a súa execución.

6 de marzo de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.