publicidade hoxe

Ponteareas solicitará a colaboración da Xunta para abordar unha nova reforma da praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao mercado de Ponteareas

Cores Tourís na visita ao mercado de Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a praza de abastos do concello de Ponteareas para coñecer, da man do alcalde da localidade, Salvador González Solla, o novo proxecto de mellora da praza de abastos para o cal o concello solicitará a colaboración económica da Consellería de Economía e Industria.

Tal e como recordou o delegado territorial, a orde da Consellería (do 23 de xaneiro de 2015) á que se acolleu o concello de Ponteareas, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia. Esta nova liña de axudas contará con 2,8 millóns de euros para toda a comunidade autónoma, “o que significa que os concellos investirán un total de 4 millóns de euros nas prazas de abastos de Galicia”, explicou Cores Tourís.

Segundo explicou o alcalde da localidade, o proxecto presentado polo concello de Ponteareas contempla unha nova fase de reformas cun investimento de 160.309 euros dos cales o 70% serían aportados pola Consellería de Economía e Industria, é dicir, 112.216 euros. As obras que pretende executar este ano o concello suporían a demolición do azulexado das tres escaleiras interiores, xa en mal estado, o derribo dos restos dos antigos mostradores do nivel dous, o revestido dos piares entre postos neste nivel así como o azulexado dos frontes dos montacargas de todas as plantas, dos piares do nivel 1 e do acceso ao edificio no nivel 0.

Tamén se substituirá o pavés da fachada correspondente a escaleira 3 por fiestras de aluminio lacado branco, colocarase carpintería de alumino lacado na fachada nestes mesmo nivel e renovaranse os postos do 18 ao 20 do nivel 2 tras demoler os seus actuais elementos. No nivel 0 substituirase o pavimento, tamén se pintará o teito e se colocarán barreiras nos beirís exteriores. Ademais, renovaranse as varandas exteriores polo seu mal estado e impermeabilizaranse os encontros entre os vós e a fachada do edificio.

“Deste xeito continuaremos a mellorar esta edificación na que xa se investiron case 800.000 euros entre as aportacións da Xunta, o concello e a Deputación provincial”, engadiu Salvador González.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “o concello de Ponteareas está a traballar na senda correcta para mellorar estas instalacións, xa que é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Ponteareas, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o delegado territorial.

Deste xeito, Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou xa o ano pasado actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros. Para a presente orde foron 37 os proxectos presentados por concellos de toda a provincia.

19 de marzo de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.