publicidade hoxe

Persoal de Medio Ambiente destaca a importancia de avisar de calquera ataque de lobo ou cánido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Case trinta persoas participaron esta mañá no Concello de Teo nunha charla formativa sobre a problemática do lobo na que participou Carlos Carretero, da Delegación provincial de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. As persoas que asistiron foron persoal dos servizos de Protección Civil dos Concellos de Teo, Valga, Santiago, Boqueixón e Vedra así como da Policía Local de Teo e de atención telefónica do Concello, que estiveron acompañados dun representante da Asociación de Cazadores e do edil de Participación Veciñal, Ignacio Iglesias.

Tratábase de romper con mitos sobre este tema e mellorar a información sobre os ataques de lobos ou cánidos que se poden producir. No ano 2014 en Teo e concellos próximos detectáronse ataques de lobos e é importante que o persoal municipal coñeza de primeira man o protocolo de actuación para dar a mellor información.

A persoa de Medio Ambiente explicou que no último censo de manadas de lobos non se ten rexistrado ningunha en Teo, aínda que como o lobo é un animal que pode percorrer grandes distancias en poucas horas si pode pasar algún exemplar nalgún momento. Destacou sobre todo a importancia de comunicar no teléfono da Xunta 012 calquera ataque aínda que as reses non estean rexistradas. Alertou ademais que non é normal que un lobo sexa perigoso para unha persoa pero si pode haber cans asilvestrados que teñan máis risco, polo que é importante ter constancia de todos os ataques para que eles poidan determinar se se trata de lobos ou cánidos xa que as medidas a adoptar son diferentes.

Charla pública

Por outra banda o Concello convocou mañá venres 27 unha charla na escola de Francos a partir das 20:00 horas sobre este tema ao que está convidada calquera persoa interesada. Contarase coa presenza dos expertos e membros de Adega Fins Eirexas e Martiño Nercellas.

26 de marzo de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.