publicidade hoxe

Paiosaco acolle a iniciativa contra a violencia de xénero “No amor non todo vale”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os alumnos dos colexios CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión participaron hoxe na campaña de sensibilización contra a violencia de xénero titulada No amor non todo vale, que se desenvolveu no pavillón polideportivo de Paiosaco baixo a organización da Deputación Provincial da Coruña e do Concello da Laracha e coa colaboración da dirección e persoal docente de ambos centros educativos.

Ao longo de toda a mañá, desde as 10:00 ata as 14:00 horas, realizáronse moi diversas actividades, sempre cos valores do respecto cara a muller e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como marco de fondo. Os nenos puideron disfrutar dunha obra de teatro, show musical, obradoiro de defensa persoal, clase masterclass de zumba. Ademais, os propios escolares realizaron actuacións de rap, dramatización e poesía ao longo da xornada.

O Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña levaron a cabo esta iniciativa co esencial obxectivo de que, por medio de actividades colectivas, participativas e, sobre todo, divertidas, sensibilizar aos asistentes, especialmente aos nenos, cara a igualdade como medio de previr a violencia de xénero.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, aproveitou a ocasión da presentación desta actividade para ler un manifesto no que fixo un chamamento a dicir non á violencia física, psicolóxica ou de calquera tipo contra as mulleres, a adoptar unha postura de tolerancia cero ante calquera actitude violenta, a romper o silencio e non ser cómplices coa violencia de xénero, a non xustificar ningunha forma violenta contra as mulleres e a rexeitar a todos aqueles que a exercen.

En representación da Deputación da Coruña tamén estivo na presentación do evento o deputado provincial Antonio Pensado, así como a concelleira de muller da Laracha, Rocío López, e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao.

26 de marzo de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.