publicidade hoxe

Outes acollerá un campo de traballo internacional de carácter medioambiental e etnográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOutes
A-
A+

O concello de Outes acollerá este verán por primeira vez un campo de traballo internacional de carácter medioambiental e etnográfico, que terá lugar entre o 17 e o 28 de xullo. Contará con 20 participantes de entre 18 e 30 anos procedentes de varios países do mundo, así como doutras comunidades españolas e de Galicia.

Así o anunciou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que se desprazou ata o concello para presentar esta iniciativa.

Os participantes centrarán as súas actividades no Estuario do Tambre, que se estende desde o encoro Barrié de La Maza ata a Punta Cambrona, no Freixo (Outes), na parte máis interna da ría Noia-Muros.

O Campo de Traballo “Horta do Muíño” tratará de revitalizar o turismo da zona a través da rehabilitación dun muíño e da reactivación do sendeirismo cos traballos de limpeza e dinamización da ruta de sendeirismo Albán-Tremuzo. Os participantes, ademais, mostrarán a través dun blog o seu traballo diario.

Os mozos e mozas disporán ademais dunha serie de actividades complementarias en colaboración coa mocidade de Outes, entre as que se atoparán o achegamento á historia, cultura e festas en zona; ou actividades náuticas como kaiak, paddleboard, snorquel ou bodyboard.

Rodeiro destacou que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”.

Son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria. Ao mesmo tempo, a través das mesmas promóvese a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal. Fomentan, tamén, a mobilidade, dado que ofrecen a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades autónomas e países.

No ano 2015, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará un total de 22 quendas en 19 campos de traballo en Galicia, con 475 prazas. A oferta noutras comunidades autónomas e noutros países estará dispoñible o próximo mes.

17 de marzo de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.