publicidade hoxe

O programa de iluminación pública exterior permite aforrar máis de 30.000 euros ao Concello de Tordoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTordoia
A-
A+
Tahoces na visita ao Concello de Tordoia

Tahoces na visita ao Concello de Tordoia

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, ten impulsado en Tordoia nos últimos anos distintas actuacións no contexto da liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Así, a través deste programa, o municipio coruñés está a obter un aforro económico anual de máis de 30.000 euros por exercicio na súa factura eléctrica.

“A través deste programa contribuímos ao aforro enerxético da Tordoia nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces, que visitou hoxe, acompañado polo alcalde do municipio, Antonio Pereiro Liñares, as actuacións levadas a cabo no concello, onde se substituíron nos últimos 6 anos máis de 500 puntos de luz por outros máis eficientes.

Un compromiso coa eficiencia enerxética que, segundo subliñou o director, tradúcese en “cifras moi importantes” como un aforro enerxético de preto de 210.000 KWh/ano, ou a redución das emisións á atmosfera de arredor de 135 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 6.700 árbores.

Neste contexto, Bernardo Tahoces salientou que, tras informarse onte no Consello da Xunta, o Goberno galego activará en vindeiras datas, a través do Inega, unha nove orde de axudas. “A convocatoria deste ano suma 1,4 millóns e beneficiará a medio cento de concellos galegos”, subliñou. Así, o programa achegará, un ano máis, apoios do 70% do investimento, que se verán incrementados, nun 15% para as agrupacións e fusións municipais.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria da continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos 6 anos a través desta liña do Inega, que ten permitido mobilizar máis de 7 millóns de euros en 74 concellos da provincia da Coruña, que puideron acceder a axudas para renovar os seus equipos por outros máis eficientes, desenvolvendo proxectos que supoñen aforros conxuntos de case un millón de euros.

Con esta actuación, resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

27 de marzo de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.