publicidade hoxe

O presidente da Xunta, Calvo e a alcaldesa de Cee inauguran a Casa da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+
Inauguración da Casa da Cultura de Cee

Inauguración da Casa da Cultura de Cee

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, participou esta tarde na inauguración da Casa da Cultura de Cee, en cuxa construción a Deputación colaborou con máis de 350.000 euros nos últimos anos.

O titular provincial, durante a súa intervención, agradeceu á alcaldesa, Zaira Rodríguez, a súa “vontade” por sacar adiante este proxecto. “Soubo sacarlle partido a unha infraestrutura que levaba anos pendente de rematarse”, declarou Calvo e insistiu: “Cando chegou ao goberno tiña dúas posibilidades: ou derrubala ou aproveitar as súas posibilidades. Ela apostou por esta opción porque era a mellor para os veciños e veciñas, que agora poden gozar dela”.

O acto de inauguración no só contou coa presenza do presidente da Deputación e da alcaldesa e membros da corporación local, senón que tamén acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e decenas de veciños e representantes das entidades culturais, sociais e deportivas da zona, que non quixeron perderse este evento tan relevante para toda a comarca.

A Casa de Cultura de Cee alcanza os 3.000 metros cadrados útiles e ten un auditorio con capacidade para 500 persoas e un escenario de 140 metros cadrados. Hoxe quedan abertas por completo as instalacións aos veciños, que ademais, inaugúranse cunha exposición da Deputación, a do XI Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado, ademais doutra de escultura do artista ceense Alberto Rodríguez Costas.

Conta tamén o edificio cunha biblioteca, que leva o nome do profesor Francisco Mayán Fernández, antigo veciño e benfeitor da vila que escribiu varias obras sobre ela.

Para rematar o seu discurso o presidente da Deputación invitou a todos os residentes na comarca a” visitar este edificio, a gozar del e darlle uso” porque “está feito por e para eles nun momento en que os que estamos á fronte das administracións tivemos que pensar moito a que dedicar os nosos recursos”. “A Casa da Cultura de Cee mereceu o noso esforzo”, concluíu Calvo.

15 de marzo de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.