publicidade hoxe

O pleno de Brión aproba unha modificación de crédito de 22.000 euros para o pintado da pavillón polideportivo municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O pleno municipal de Brión reuniuse esta mañá de forma extraordinaria para dar conta de dous asuntos de carácter económico e que supoñen a derradeira achega da Interventora Municipal, Ana María Gómez Peña, quen deixa o seu posto despois de 11 anos de traballo no Concello de Brión. Un traballo que foi loado por todos os grupos municipais nesta sesión extraordinaria.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explicou que “hoxe é o último pleno da Interventora Municipal, que deixa o seu posto voluntariamente e a quen lle agradecemos o traballo que fixo ao longo destes 11 anos. Un tempo no que todo cambiou moito pois ultimamente botaba máis horas traballando para Madrid que para Brión”. Os voceiros dos grupos da oposición tamén se sumaron a este agradecemento. “Colaborou moito connosco, ofrecéndonos toda a información que lle pedimos e sen limitacións, polo que lle desexamos o mellor aló onde vaia”, explicou o voceiro do BNG, Xesús Pena. Pola súa banda, Mercedes Rodríguez, voceira do PP, agradeceu “o tratamento que recibimos sempre por parte da Interventora e desexarlle sorte aló onde vaia”.

Modificación de crédito e Liquidación 2014

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade dun expediente de modificación de crédito por importe de 21.985 euros para o pintado do chan da pista do pavillón polideportivo de Lamiño.

Así mesmo, o secretario municipal deu conta da liquidación do Orzamento de 2014, que recolle un resultado orzamentario de 491.882,57 euros e un remanente de Tesourería de 1.249.357,73 euros. O informe da Intervención Municipal confirma que o Concello de Brión está a cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite de débeda. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, afirmou que “é unha satisfacción que eses sexan os números do Concello de Brión porque demostran a nosa solvencia e que, se nolo permiten, podemos facer moitas máis cousas”.

9 de marzo de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.