publicidade hoxe

O orzamento dedicado neste 2015 á dependencia chegará aos 300 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao centro de día da Pobra do Caramiñal

Beatriz Mato na visita ao centro de día da Pobra do Caramiñal

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitaron esta tarde o novo centro de día da Pobra do Caramiñal, onde destacaron que o orzamento da Xunta dedicado neste 2015 á dependencia chegará aos 300 millóns de euros.

O Centro de Día da Pobra de Caramiñal sumarase así á rede de equipamentos de atención diúrna da rede da Xunta de Galicia. Tratase dun centro que responde ás demandas dos veciños e disporá de 40 prazas públicas. O Centro estará en pleno funcionamento no segundo semestre deste ano despois dun investimento por parte da Xunta de máis de 900.000 euros na construción e equipamento.

Os conselleiros destacaron que en plena crise a Xunta non só non minguou os seus servizos sociais, senón que os incrementou. Así o acreditan as máis de 3.100 prazas públicas para maiores creadas desde o ano 2009 -un 50 por cento máis das que había-, dentro das que destaca o aumento do 170 por cento en prazas de centros de día, con máis de 1.600 postas en funcionamento nestes seis anos, nun total de 40 novas instalacións.

Ademais, o traballo da Xunta non se limitou a ampliar a cobertura da rede de servizos sociais de Galicia e se fixo tamén un importante esforzo por mellorar a súa calidade, a súa coordinación e a súa atención.

Neste sentido, hoxe estase a desenvolver no eido do benestar un modelo de carteiras de servizos que pensa en abrir os servizos que se poden prestar nestes centros a máis usuarios, sacándolles o máximo rendemento e atendendo a máis persoas. Este cambio de filosofía vén acompañado dun cambio na organización, ao constituír unha única Axencia Galega de Servizos Sociais da que dependan todos estes centros e que permita, polo tanto, unha maior coordinación.

Precisamente, esa coordinación debe chegar tamén a unir o sistema galego de servizos sociais co de saúde. Por iso estase avanzando, por exemplo, en ir incorporando cada vez máis centros de atención social ao programa de prestación farmacéutica, para que sexan as farmacias dos hospitais as que distribúan e controlen a medicación das persoas que están nestes centros.

Tamén para mellorar esa coordinación, fai xa case dous anos a Xunta permitiu que os profesionais sanitarios que traballan en centros de día e residencias teñan acceso ás historias clínicas das persoas ás que atenden, o que está redundando nunha mellor atención; e estase traballando na creación dunha historia social única, integrada coa historia clínica, na que se reúna toda a información, médica e social, destas persoas.

Os maiores, prioridade do Goberno galego

Desde a súa chegada á Xunta, o actual Goberno galego marcouse como unha das súas prioridades o traballo a prol dos maiores. Por iso, xa en 2010 aprobouse o Plan Galego das Persoas Maiores, que este ano vai ver a súa continuación cunha estratexia máis concreta e dirixida ao envellecemento activo.

Este é o enfoque que xa se abordou coa Estratexia de Prevención da Dependencia posto en marcha en 2013, cun enfoque que se centra non só en ter unha rede de centros e de servizos para as persoas que chegan a unha situación de dependencia senón en poñer as medidas para evitar ou retrasar ese momento.

Con ese obxectivo tamén se aprobou o Plan Trabe de implantación das TIC no eido dos servizos sociais, que vai na mesma liña de poñer a disposición das persoas maiores servizos de teleasistencia, de seguimento ou de autocoidado que lles permitan vivir de xeito autónomo o maior tempo posible.

“Por medidas coma estas Galicia é a segunda Autonomía de todo o Estado cunha maior porcentaxe de servizos profesionais fronte as prestacións económicas, algo que recolle explicitamente a Lei de Dependencia como boa praxe”, afirmou Rueda. O 75 por cento das persoas con dependencia atendidas en Galicia, 80.000 a día de hoxe, o son mediante un servizo profesional.

30 de marzo de 2015 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.