publicidade hoxe

O obradoiro “Hostalería do Salnés VI” culmina a formación dos 23 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Alumnos do obradoiro

Alumnos do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá a clausura do obradoiro de emprego “Hostalería do Salnés VI” da Mancomunidade do Salnés, acompañado do presidente da entidade, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, así como do alcalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez.

Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, e o alcalde de Meis, José Luis Pérez.

O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investiu algo máis de 204.300 euros. O obxectivo destes cursos foi preparar a 23 alumnos, aos que hai que sumar o persoal contratado para dar formación de calidade, tanto teórica como práctica, nas especialidades de operacións básicas de cociña, de restaurante e bar. O obradoiro contou tamén cunha directora, unha titora, dúas docentes e unha administrativa.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que duraron estes proxectos.

Cores Tourís destacou as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego, “xa que non podemos esquecer que cominan a formación cun posto de traballo e abren un importante espazo de colaboración cos concellos e entidades como as Mancomunidades”.

Deste xeito, os participantes neste obradoiro de emprego recibiron hoxe os seus certificados de profesionalidade que teñen validez en todo o territorio nacional e que demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente” a súa empregabilidade, manifestou Cores Tourís, quen aproveitou a visita ao obradoiro da Mancomunidade do Salnés para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

De feito, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción pola clausura deste obradoiro que tivo “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”.

“Dende a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”, engadiu.

Aos alumnos desexoulles sorte na busca de emprego e recordoulles que “en especial, este obradoiro conta cun dos máis altos porcentaxes de consecución de emprego, xa que precisamente a comarca do Salnés é unha auténtica potencia no eido turístico dentro de Galicia, polo que a vosa formación, estou seguro, permitiravos atopar un emprego próximamente”. Da mesma opinión foi o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán quen recordou que durante os anos da crise logrouse unha incorporación laboral do 80% “que este ano poderá chegar a superar o 90%. De feito, xa contamos con máis de 30 entrevistas de traballo para estes alumnos”.

O delegado territorial recordou que obradoiros como o da Mancomunidade do Salnés desenvolvéronse durante estes pasados meses en varios concellos da provincia de Pontevedra cun investimento que superou os 2,5 millóns de euros. “En concreto, na provincia beneficiáronse 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que puideron contar cun emprego nun momento de crise tan tremendo como o que estamos a vivir”. No caso da comarca de O Salnés, foron 4 os obradoiros postos en marcha e que agora comezan a rematar.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar puxo o ano pasado en marcha un total de 53 obradoiros, que contaron cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldou os 1.300.

Segundo apuntou tamén o delegado territorial, a nova orde destinada a posta en marcha de obradoiros de emprego destinará en Galicia 10 millóns de euros para obradoiros de emprego como os postos en marcha ata o momento, así como outros 6 millóns para obradoiros de mocidade. “Na provincia de Pontevedra presentáronse 25 solicitudes para obradoiros de emprego aos que optan 45 concellos, moitos deles agrupados. En canto aos obradoiros para menores de 25, presentáronse 16 solicitudes que aglutinan a 25 concellos”, rematou Cores Tourís.

19 de marzo de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.