publicidade hoxe

O Kaiak Tudense xa ten en Tui o trofeo de campión de España de inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+
Parte do equipo posando coa Copa de España

Parte do equipo posando coa Copa de España

O Kaiak Tudense xa ten en Tui o trofeo que o acredita como campión de España de inverno por décima vez de forma consecutiva. Logrouno en Sevilla, nun escenario que foi de novo máxico para un club que se gañou o prestixio, o respecto e o recoñecemento xeral. Esteban Alonso, o seu director deportivo, afirma que “foi o mellor campionato na nosa historia. Por moitos motivos, tanto polo resultado dos deportistas como polo esforzo que fixemos todos para lograr este éxito”.

O primeiro posto por clubs non ten discusión. O Aranjuez e o Náutico de Sevilla nada puideron facer ante a evidencia. O Kaiak Tudense colocou a oito padexeiros entre os mellores 19 en K-1 masculino e tres na categoría feminina. Ademais, tivo a sete canoistas tamén entre os 19 mellores.

Pero este triunfo non é produto da casualidade. Así o desvela Esteban Alonso, que xunto a Manuel Pedrares encárgase da preparación dos deportistas: “Todo o programa de adestramentos que deseñamos ao comezo da tempada cumpriuse. Iso é moi importante. Un dos obxectivos era chegar ben ao Campionato de España. E estivemos perfectos”.

Os técnicos afirman que “é case imposible facelo mellor. Hai que ter en conta aos rivais. Non é tan sinxelo como parece”. Sobre todo na distancia de 5.000 metros, onde calquera pequeno detalle pode arruinar a regata a un padexeiro. Esteban Alonso desvela que “houbo marxe para mellorar nalgúns resultados. Pero non podemos queixarnos de nada. Todo resultou perfecto”.

Moitas das miradas no Campionato de España centráronse en Roi Rodríguez. Foi segundo en K-1 e medalla de ouro na mesma disciplina na categoría sub-23. O compoñente do Kaiak Tudense tivo unha gran progresión no último ano e Esteban Alonso non dubida en afirmar que “é o padexeiro máis completo que hai agora mesmo en España. Pola súa fortaleza, a súa capacidade para saber manexar as situacións e a súa calidade. Non me sorprenden os seus resultados”.

O triunfo do pasado domingo entra na historia do piragüismo español, xa que nunca antes ninguén o logrou. O director deportivo do club sinala que “non creo que outras disciplinas deportivas exista un club que poida dicir que gañou dez campionatos de España consecutivos”. A regularidade mostrada nos últimos anos é un dos seus grandes avais.

O Kaiak Tudense tivo o xesto de que fose Mercedes Martín, a viúva de Eduardo Sousa, a que recollese o trofeo. O que fose presidente e padexeiro faleceu fai unhas poucas semanas. Esteban Alonso desvelou que “foi unha decisión que tiñamos meditada. Eduardo fixo moitas cousas por este club. E esta é unha maneira de agradecerllo. Foi a nosa homenaxe máis sentida”. E ese sentimento aflorou pouco despois do acto de proclamación de triunfadores. Houbo bágoas entre os compoñentes da expedición tudense.

Foron 27 as persoas que se desprazaron a Sevilla para gañar o campionato e ao mesmo tempo ser os primeiros na clasificación da liga de Pista Olímpica Hernando Calleja e a Copa do Rei, tanto masculina como feminina. Quedan outras tres probas por disputarse, dúas copas de España e o campionato nacional de verán que será en Verducido no mes de xuño.

A todos os que forman parte do club non lles importou percorrer dous mil quilómetros nas súas furgonetas cargados de barcos. Tampouco o ter que durmir nun hotel a máis de trinta quilómetros da pista de competición. No Centro de Alto Rendemento de Sevilla, o lugar onde se disputaron as regatas, colocaron as súas carpas, as súas 30 embarcacións e un cargamento de ilusión.

Moitos foron os protagonistas da xesta. Ademais de Roi Rodríguez, tamén destacou Enrique Míguez. O medallista nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles segue na competición. En canoa, por suposto. Participou na clasificación da proba sénior, que tiña un percorrido de 2.000 metros. E logrou o seu obxectivo. Tivo unha praza para competir na final. Cinco mil metros máis. E atreveuse tamén coa categoría de veteranos. Outros cinco mil. En total, Enrique Míguez percorreu doce quilómetros coa súa inseparable canoa. “E sen un rasguño no barco”, dixo tras finalizar o campionato. Tamén tivo tempo para cargar as embarcacións nos remolques para a viaxe de volta tal como fixeron o resto de compoñentes do Kaiak Tudense.

23 de marzo de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.