publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Igape achegará nunha xornada técnica nas Pontes as axudas para novos investimentos empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesFerrolGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Achegar ás empresas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal as posibilidades de apoio para o financiamento dos seus proxectos é o obxectivo da xornada técnica organizada pola Asociación de Empresarios Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (Seara) que se desenvolverá o próximo 26 de marzo a partir das 10 horas na sede da asociación, contando coa colaboración do Igape e de Afigal.

O próximo 1 de abril ábrese o prazo de dous meses para a presentación de solicitudes ao abeiro da convocatoria do programa Reindus para 2015, dotada con 45,7 millóns de euros en préstamos. O programa Reindus, que foi presentado a comezos de febreiro, apoia tanto as novas implantacións industriais como os investimentos para ampliar a capacidade de produción de industrias existentes ou as relocalizacións de empresas orientadas a gañar competitividade.

Os préstamos do programa Reindus para 2015 foron presentados noutra xornada técnica que se desenvolveu en Ferrol, a comezos de febreiro, e as empresas interesadas nesta liña dispuxeron de case dous meses para coñecer en detalle as peculiaridades e requisitos da convocatoria. Agora disporán doutros dous meses, abril e maio, para formalizar as súas solicitudes.

Con prazos de ata dez anos incluíndo tres de carencia, os préstamos Reindus poderán cubrir o 75% dos investimentos financiables, que serán dun mínimo de 75.000 euros. Os xuros dependerán da avaliación económico-financeira das empresas solicitantes, e poderán partir dunha base do 1,656%, fronte ao 3% mínimo da convocatoria anterior. Como novidade, as empresas poderán acceder ademais a un simulador financeiro para coñecer a puntuación que acadan e, en consecuencia, o xuro que correspondería ao seu préstamo.

Na xornada de As Pontes, os empresarios recibirán tamén información sobre os préstamos Igape Jeremie, que poden financiar tanto novos proxectos de investimento como proxectos de ampliación e modernización de instalacións existentes ou a diversificación da produción para ofrecer produtos adicionais. Con prazos de amortización de ata 7 anos cun de carencia e con xuros fixos referenciados ao euríbor, constitúen unha liña pioneira en Galicia. As bonificacións de xuros previstas nas bases reguladoras fan posible que os tipos efectivos resultantes poidan estar arredor do 1%, para os préstamos de ata 300.000 euros.

20 de marzo de 2015 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.