publicidade hoxe

O grupo Ribera de Oja traslada a súa intención de construír o porto deportivo de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, avanzou esta mañá a firme intención do grupo Riberra de Oja, Mercantil de Inversión SL, de optar á concesión do futuro porto deportivo da vila. Unha demanda histórica de Cedeira, cuxo proxecto quedaba en 2011 paralizado despois de seis anos de tramitación. Naquel entón o concurso para a súa construcción auspiciado por Portos de Galicia quedaba deserto e a administración autonómica aseguraba que só impulsaría e tramitaría aqueles proxectos avalados pola iniciativa empresarial. Pois ben, apenas seis meses despois de tomar posesión como alcalde, Luis Rubido mantiña as primeiras conversas co citado grupo, en maio de 2014. A súa intención era buscar un inversor que apostase pola construcción das citadas instalacións náutico-pesqueiras.

Naquel entón, maio de 2014, o responsable do grupo e o seu equipo desprazábanse a Cedeira para visitar a ubicación do porto, en base ao pactado no seu día entre a Confraría e Portos de Galicia. A esta visita seguiría outra o pasado mes de agosto. Neste caso, alcalde, responsable do grupo e presidente da institución autonómica reuníanse na sede de Portos de Galicia e Ribera de Oja amosaba o seu interese polo proxecto.

O pasado sábado, o encontro celebrouse entre Luis Rubido e José Tomás Ucedo, administrador único de Ribera de Oja. No mesmo, segundo explica o alcalde, o responsable do grupo trasladoulle que nestes meses tiñan conseguido os avales que Portos establecera como condición para reactivar o proxecto. Un investimento que se elevaría aos cinco millóns de euros. Tamén lle mostrou a súa intención de iniciar a elaboración do proxecto constructivo dacordo co estudo de impacto ambiental, que solicitaron ao Concello, e reiteraron a súa intención de redactar un proxecto que constitúa todo un referente en cuestións medio ambientais e ecolóxicas.

Nesta liña, o alcalde destacaba a importancia destas instalacións para a vila e a súa enorme trascendencia para o turismo. Lembraba que, catorce meses despois de asumir a Alcaldía, este é un dos proxectos que, tras tempo de negociacións, van prosperando. Deste xeito, reactivaráse a construcción dunhas infraestructuras cuxo percorrido se iniciaba en 2005 e que sufrían diversos retrasos a raíz das modificacións impostas. Estas implicaron a reducción do número de puntos de amarre dos máis de 400 previstos inicialmente ata os 270, así como a limitación da ampliación do dique dos 300 metros aos 225. E dun concurso que quedaba deserto e no caixón ata o momento actual.

24 de marzo de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.