publicidade hoxe

O Estado cédelle ao Concello de Cervo a Casa do Mar de forma permanente para o seu uso público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O Goberno do Estado autorizou a cesión da Casa do Mar de San Ciprián ao Concello de Cervo. Desta maneira, o Concello pasa a dispoñer deste edificio, de 1.164 m2 de superficie útil, de forma que poderá darlle un uso público e utilizalo libremente para os fins previstos, entre eles o traslado do Punto de Atención á Infancia e a ampliación e mellora de servizos.

A cesión farase efectiva a partir de mañá, cando o alcalde de Cervo asine o documento administrativo de cesión co delegado de Economía e Facenda de Lugo, Luis Fernando Jácome. Dende ese momento, o Concello disporá do edificio de pleno dereito, podendo realizar todo tipo de obras e reformas que sexan necesarias para adecuar as instalacións aos novos usos.

Cabe destacar que o Concello levaba moitos anos reclamando a cesión do inmoble. Foi no 2008 cando o edificio quedou sen uso e o Concello iniciou os trámites coa Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo. Pero durante os anos do goberno socialista a solicitude non foi tramitada nin chegou a enviarse a Madrid, onde tiñan que resolver a cesión. Foi no 2012 cando se desbloqueou o expediente e se iniciou a súa tramitación.

Un trámite complexo

O proceso para que o Concello conseguise a cesión da Casa do Mar de forma gratuíta foi longo e complexo. Unha das principais dificultades atopábase en que o edificio forma parte do Patrimonio do Estado. Ademais, a Casa do Mar estaba afectada polo dominio público marítimo-terrestre, polo que foi imprescindible desafectar a parcela.

Sen esquecer que foi necesario facer xestións con diferentes departamentos, como son a Dirección Xeral de Costas, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, que forman parte de tres ministerios diferentes.

O alcalde de Cervo asegurou hoxe que “esta é unha moi boa noticia e ademais moi importante, xa que dispoñer da Casa do Mar abre novas posibilidades para ofrecer servizos públicos e mellorar os existentes”. Sen esquecer as melloras que traerá para o Punto de Atención á Infancia, que se instalará na Casa do Mar. O rexedor asegurou que as obras comezarán en poucos días.

De feito, os pais e nais dos alumnos do PAI foron os primeiros en coñecer a noticia da cesión. O venres pasado o rexedor e membros do goberno reuníronse con eles para informalos, e aproveitaron tamén para darlles as grazas pola súa implicación, xa que participaron nas reivindicacións para axilizar os trámites.

O alcalde tamén quixo destacar e agradecer a “importante colaboración” do voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro, “que foi clave para conseguir a ansiada cesión e que estivo moi involucrado durante todo o proceso”.

2 de marzo de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.