publicidade hoxe

O concello de Teo acomete o arranxo de varias marquesiñas con desperfectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Departamento de Servizos Básicos, dirixido por Xurxo Francos, vén de arranxar e volver a colocar varias marquesiñas en diferentes parroquias do Concello. Trátase de marquesiñas que xa existían e tiñan desperfectos por causas como accidentes de tráfico, roturas de cristais ou mesmo problemas de illamento polo propio deterioro dos materiais.

Onte mesmo quedaba colocada colocada a da carballeira de Luou precisamente rota nun accidente. Está previsto tamén instalar unha en Eo dos Menecos e outra ó carón do cemiterio de Reis proximamente. Sen embargo xa están colocadas despois do seu amaño nos lugares de Cesar, Augas Mansas, San Domingo, no lugar da Igrexa en Cacheiras, Vilariño e Vilar de Calo.

Segundo explica o edil, Xurxo Francos, “en ocasións aproveitamos estes arranxos para acometer outras modificacións en función da seguridade como foi o cambio de ubicación coa marquesiña de Vilariño ou mesmo se arranxa a base de formigón na que normalmente están instaladas”.

Dende Servizos Básicos tamén explican que “cando se reparan as marquesiñas tamén se fai un lavado dos materias mais no caso das pintadas son difíciles de eliminar, polo que tamén nos gustaría pedir que a xente fora respectuosa co mobiliario urbano que é para uso de todos/as” destaca Xurxo Francos.

Actuación en Bamonde

Por outra banda nas últimas semanas tamén se arranxou un tramo de pista na aldea de Tribaldes que estaba sen asfaltar. Fíxose en rego asfáltico e trátase dunha vella demanda “que tiña moitas dificultades técnicas e un custo importante para o tramo do que se trata, xa que houbo que realizar os traballos a man porque o ancho das pistas no permitía chegar con maquinaria ao lugar”. O tramo de ó redor de 100 metros está na aldea de Tribaldes e da acceso a leiras e unha vivenda.

10 de marzo de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.