publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Laxe decreta tres días de loito pola morte dun pai e o seu fillastro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+
Europa Press

O Concello de Laxe (A Coruña) decretou tres días de loito polo falecemento de dous pescadores veciños da localidade, que son pai e fillastro, ocorrido este martes no mar. Diso informou o alcalde de Laxe, Antonio Carracedo, quen mostrou o seu pesar polo falecemento destas dúas persoas, das que destaca a súa experiencia como mariñeiros, xa que ao pai coñecíao de “toda unha vida” dedicada ao mar.

De tal forma, o Concello de Laxe terá este martes, 24 de marzo, así como o mércores e xoves tres días de loito tras unha nova traxedia nas costas galegas.

A preguntas sobre as hipóteses de como se produciu o suceso, o alcalde dixo descoñecer cales foron os motivos e tan só expresou que este martes era unha xornada de “temporal” e “moito vento”, polo que non pode dicir “se un golpe de mar” ou “calquera outra” circunstancia é a que puido estar detrás do ocorrido, despois de que os dous pescadores saísen a faenar pola mañá.

O litoral da provincia da Coruña atopábase este martes en alerta amarela por ventos do nordeste, con forza 7, que produciu fortes refachos esta mañá.

SUCESO

Ás 11,30 horas deste martes o 112 informou á Garda Civil de que acharan o corpo dun home na zona da Praia de Soesto, en Laxe, que foi identificado como un veciño da zona duns 60 anos.

Posteriormente, a Garda Civil indicou que na zona avistaron outro corpo flotando no mar, que foi recuperado para ser identificado.

O corpo localizado flotando na auga nas proximidades da praia de Soesto no municipio de Laxe foi identificado como o dun mozo duns 35 anos de idade veciño do municipio, fillastro do home de mediana idade achado falecido no areal. Ambos foran vistos pola mañá na confraría antes de saír a pescar.

Fontes de Salvamento Marítimo, cuxo centro Fisterra foi informado sobre as 11,40 horas da aparición nun primeiro momento dun corpo dun home, apuntaron que supostamente unha embarcación tipo gamela de seis metros de eslora de madeira sufrira un accidente, tras o que foron achados os cadáveres.

Os corpos serán trasladados a un centro hospitalario para practicárselle a autopsia tras ordenarse o levantamento dos cadáveres. Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución Número 2 de Carballo.

24 de marzo de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.