publicidade hoxe

O Concello de Cervo presenta a Universidade Aberta no IES Marqués de Sargadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Universidade Aberta de Cervo

Universidade Aberta de Cervo

O Concello de Cervo deu hoxe a coñecer a segunda edición da Universidade Aberta de Cervo “A Universidade que nos agarda” ao alumnado de 2º de Bacharelato do IES Marqués de Sargadelos. Unha iniciativa que este ano vaise desenvolver o 18 de abril e na que doutores e investigadores ofrecerán información de utilidade a todas as persoas que estean interesadas en coñecer o mundo universitario.

Nesta ocasión, o Concello decidiu presentar esta iniciativa a un dos colectivos aos que van dirixidas as xornadas, os estudantes do último curso de Bacharelato, aínda que tamén pode ser proveitoso para os de 1º de Bacharelato, os estudantes de ciclos ou mesmo os de ESO, sen esquecer que está aberto a toda a poboación en xeral. Un acto no que participaron o alcalde, Alfonso Villares, a coordinadora das xornadas por parte da Universidade da Coruña, María Cristina Pérez Crego e o director do instituto, Eduardo Gallo.

Unha charla na que explicaron os detalles da Universidade Aberta de Cervo, e transmitiron aos estudantes a importancia de dispoñer de información previa e fiable sobre o mundo universitario, tanto no caso de alumnos que teñan decidido optar por este ensino, como para aqueles que aínda estean tomando unha decisión. “O noso obxectivo é que eles teñan toda a información necesaria para despois elixir, no que será unha decisión moi importante nas súas vidas e que marcará o seu futuro profesional”, asegura a edil de Educación.

Programa

Este ano a programación inclúe 7 ponencias breves, de 45 minutos cada unha, e que tratarán sobre temas como o acceso á universidade, o Espazo Europeo de Educación Superior, metodoloxías de estudo, técnicas de estudo tanto no ensino presencial como a distancia, a estrutura da universidade, os servizos que ofrece e unha aproximación á UNED como alternativa a considerar.

Armada asegura que esta é “unha oportunidade de coñecer o sistema universitario a través dunha actividade na que doutores e investigadores que imparten docencia na universidade compartirán os seus coñecementos”, de forma que “é a universidade a que se achega ao noso concello e abre as súas portas a todas as persoas interesadas”.

Inscrición

Esta é unha actividade gratuíta e aberta a todo o público, pero é recomendable inscribirse para poder recibir certificado de asistencia. O prazo está aberto ata o 15 de abril e pódese facer na Casa do Mar, no teléfono 691 65 66 00 e no correo educacion@concellodecervo.com

12 de marzo de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.