publicidade hoxe

O Concello de Cervo aposta por potenciar como servizo público de calidade as instalacións da piscina de Lieiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo está apostando polo deporte a través de diversas vías, e unha delas é “manter e mellorar as instalacións onde se practica deporte” asegura o edil de Deportes, Luis Guillén, que engade que “tamén é moi importante ofrecer cursos e actividades para fomentar a práctica de exercicio físico a través dun servizo público e con taxas subvencionadas”.

Este é o caso das actuacións que se están levando a cabo na piscina municipal de Lieiro nos últimos anos, como a adquisición de tres novas máquinas de exercicio para o ximnasio instaladas recentemente, que xa están utilizando os usuarios e que “veñen a mellorar e completar a oferta deportiva”. Unhas máquinas que supuxeron un investimento de 13.000 euros que foron sufragados con fondos municipais.

Sen esquecer as obras de ampliación realizadas hai uns meses no mesmo ximnasio, que permitiron dispoñer de máis espazo e instalar máquinas de adestramento de remo cedidas polo Club Náutico Amigos do Mar e, polo tanto, diversificar servizos.

No caso da piscina, fixéronse obras na estrutura da instalación, como a reparación da cuberta, e a mellorar o sistema de quecemento da auga para facelo máis eficiente e que, desta forma, se reduza o consumo eléctrico, así como outros traballos de mantemento.

En canto ás actividades ofertadas, estanse impartindo cursos de iniciación e perfeccionamento de natación para adultos, aquagym, e mantense activa a Escola Infantil Municipal de Natación que inclúe seis niveis de aprendizaxe e un último de perfeccionamento.

Na prestación destes servizos teñen un papel fundamental os socorristas e monitores, que ascenden a un total de 10 persoas, entre traballadores contratados e mozos que fan prácticas remuneradas a través do plan de fomento do emprego xuvenil do Concello.

Cabe destacar que nos últimos anos os socios da piscina foron aumentando considerablemente, Así, de 2011 a 2014 os socios creceron un 21%, pasando de 662 a 802, resultado “desa combinación de mellora das instalacións e fomento de actividades xunto cunhas taxas subvencionadas”.

 

6 de marzo de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.