publicidade hoxe

O ciclo de concertos didácticos de órgano de Celanova achega aos alumno galegos o patrimonio musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal Portada
A-
A+
Anxo Lorenzo no concerto didáctico

Anxo Lorenzo no concerto didáctico

O Ciclo de Concertos Didácticos de Órgano de Celanova iniciou hoxe a súa sétima edición na igrexa de San Salvador con tres clases-concertos a cargo da especialista Marisol Mendive, coa participación de centros educativos das localidades de Maceda, O Porriño e Negreira.

Á primeira xornada da iniciativa, promovida polo Concello de Celanova co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que tivo ocasión de acompañar os alumnos e alumnas do IES Xulián Magariños de Negreira, xunto co alcalde de Celanova, José Luis Ferro; concelleiros do municipio e o técnico de Cultura Antonio Piñeiro. Previamente tiveron lugar as sesións realizadas co IES San Mamede de Maceda e co CPI Ribeira do Porriño.

En total, está previsto que desde hoxe ata o vindeiro 4 de xuño participen nalgunha das sesións do ciclo alumnos e alumnas de música de 25 centros de ensino procedentes –ademais dos xa citados–, dos municipios de Pontevedra, A Cañiza, Marín, A Rúa, Bande, Celanova, Cangas, Tui, Vilagarcía de Arousa, O Barco de Valdeorras, Vigo, Nigrán, Ourense, Viveiro, O Carballiño, Moaña, Fene, Verín, A Coruña e mais Xinzo de Limia.

Coñecemento histórico do órgano

A igrexa de San Rosendo é o principal escenario do ciclo, impartido por Marisol Mendive. A profesora do Conservatorio de Música de Ourense introduce ao alumnado no coñecemento histórico do órgano a través das diferentes sesións, nas que os estudantes teñen ocasión de coñecer as partes do instrumento, o seu funcionamento e materiais dos que se compón ou as formas musicais organísticas de distintas épocas, para rematar cun concerto. O ciclo aborda, ademais, o valor do espazo arquitectónico con visitas guiadas polo mosteiro de San Rosendo, así como percorridos máis amplos por espazos de interese cultural de Celanova.

Durante as súas seis primeiras edicións, o ciclo chegou a un total de 5.892 alumnos e alumnas de 105 centros educativos galegos.

O patrimonio organístico galego

A Secretaría Xeral de Cultura vén impulsando unha programación didáctica e artística arredor do patrimonio organístico galego. Despois do seu percorrido polos órganos da Mariña lucense e da diocese de Ourense, o ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros continuou en 2014 as roldas pola paisaxe organística galega, cunha aproximación ao abundante patrimonio organístico de Santiago, que se estendeu ata o convento do Carme e a igrexa de Iria Flavia, en Padrón, na que tivo lugar un concerto do organista italo-brasileiro Marco Aurélio Brescia. O ciclo tamén ofreceu un entretido obradoiro de organería para os máis novos, que completou a programación musical en Iria Flavia.

26 de marzo de 2015 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.