publicidade hoxe

O centro sociocultural da Ramallosa acolle o festival “A Xente Corrente, Galo Mirindolo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Este sábado 7 de marzo ás 18:00 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa celébrase o concerto A Xente Corrente, Galo Mirindolo. Este musical está baseado nun programa didáctico sobre educación viaria realizado por Agasalle Contenidos co que colaborou a Concellaría de Educación de Teo. De feito no primeiro trimestre deste curso escolar o concerto realizouse nos colexios para o alumnado de 3º e 4º de primaria. Nesta ocasión, a proposta é para nenos/as ata 8 anos e público familiar.

A entrada é de balde ata completar aforo. Dende o Concello agradécese que os asistentes fagan unha contribución ao banco de veciñal de alimentos de Teo (produtos no perecedeiros como leite ou conservas, alimentos con bastante demanda segundo nos indican dende o voluntariado do banco)

A concelleira, María Álvarez Garea, destaca que sempre “buscamos unha actividade para traballar sobre a seguridade viaria cos centros e este ano o libro cd A Xente Corrente e o concerto co que se presenta pareceunos unha moi boa alternativa, lúdica e dinámica, para achegar este tema aos máis pequenos/as”.

Con este programa preténdese darlle responsabilidade ao neno/a dentro do vehículo e nas vías públicas, reforzar conceptos de educación viaria, recoñecer elementos da linguaxe de tráfico ou adquirir bos hábitos referidos á circulación.

Diverteo

Por outra banda esta semana abreu o prazo para anotarse no Diverteo Primavera que funcionará nos tres centros escolares de infantil e primaria, en Calo, Os Tilos e A Ramallosa durante as vacacións de semana santa. Concretamente o servizo vaise realizar os días 30 e 31 de marzo e o 1 e o 6 de abril. A inscrición pode realizarse ata o 14 de marzo entregando a ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e os sábados de 09:00 a 13:00 horas.

O Diverteo está dirixido a nenos e nenas escolarizados/as de 3 a 12 anos e deben estar empadroados/as en Teo. Trátase dun programa de conciliación que funciona en horario de 07:45 a 14:45 horas e dispón de 100 prazas das que 5 están reservadas para situacións de emerxencia social.

Unha vez rematado o prazo para inscribirse publicarase a listaxe de admitidos/as o 17 de marzo no taboleiro do Concello e na web teo.gal. As persoas con praza deben efetuar o pagamento entre o 17 e o 24 de marzo e entregar o xustificante de pago no Rexistro Xeral. O custe do servizo é de 3 euros por día e participante polo que nesta edición o total son 12 euros.

6 de marzo de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.