publicidade hoxe

O C.R.D.O. Ribeiro e Concello de Ribadavia presentan o cartel da 52ª Feira do Viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+
Presentación do cartel

Presentación do cartel

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia presentaron esta mañá o cartel anunciador para a edición número 52 da Feira do Viño do Ribeiro. O acto celebrouse na Necrópole do Castelo dos Sarmiento (Ribadavia) e estivo presidido polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge, e o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez. Así mesmo participou o creador da obra gañadora, o asturiano afincado en Ourense, Hugo Bellido.

Na súa intervención o presidente do C.R.D.O. Ribeiro explicou que mediante esta forma de elixir o gañador mediante o Concurso de Carteis preténdese dar unha oportunidade aos novos talentos creativos que deste xeito poderán difundir a súa obra. “Sen esquecer que grazas ao concurso disporemos dunha exposición visitable composta polas obras preseleccionadas polo xurado que suma un novo atractivo á feira e que estará no local social da Madalena, no Barrio Xudeu de Ribadavia, onde tamén se celebrará, a cata popular os días venres e sábado”, engadía Viso.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia sinalaba que “este ano a feira incorporará actividades moi novidosas, no mes de abril presentaremos a feira xunto co programa de actividades a desenvolver. Esta presentación é o pistoletazo de saída desta feira, e seguiremos a traballar por pechar certas cousas que queremos conquisten ao público que visite este evento”.

En canto á intervención do gañador, Hugo Bellido, da axencia Ácido Comunicación en Ourense, sinala que “estou moi orgulloso de poder facer un cartel que represente esta feira con máis de 50 anos de celebración”. Explicou que respecto á súa obra, nela “intentei plasmar a idea de facer coñecer un viño con tantos anos de historia cunha imaxe moi moderna. Trátase de promocionar un evento vitivinícola potenciando as tres variedades de viños: branco, tinto e tostado, non só o máis coñecido branco”.

Respecto á elección do cartel anunciador, o presidente reiterou o seu agradecemento ao “xurado de alto nivel” a cargo do proceso de selección. Un xurado multidisciplinar integrado por profesionais de éxito no ámbito das artes, da publicidade e do deseño gráfico, que estivo composto por:

– O director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense, Francisco González Bouzán.
– O director comercial de La Región, Carlos Barbosa.
– O xornalista de Onda Cero Vigo, Pepe Cadavedo.
– O editor xefe de Faro de Vigo, Benigno de la Torre.
– A xefa de proxectos da axencia de comunicación e deseño Trevisani, Paz Vázquez .
– O alcalde do Concello de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge.
– O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez.

Por último, Miguel Ángel Viso reiterou o seu agradecemento aos participantes nesta edición do concurso así como a súa noraboa ao gañador veciño: Hugo Bellido, asturiano afincado en Ourense dende fai máis de 10 anos, obtivo o primeiro premio do concurso dotado de 1.500€, sendo a súa obra a que anunciará a feira no seu 52 aniversario.

11 de marzo de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.