publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Rairiz di que a normativa obriga a cometer irregularidades

Europa Press
O alcalde de Rairiz de Veiga no xuízo. Foto: R. Veiga

O alcalde de Rairiz de Veiga no xuízo. Foto: R. Veiga

O alcalde de Rariz de Veiga (Ourense), Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio (PP), alegou no xuízo que se segue contra el que a “propia normativa obriga a cometer irregularidades” os alcaldes para cumprir prazos e trámites, pero matizou que nunca as considerou “de tal gravidade” como para saber que eran delitos.

O penal número 2 de Ourense acolleu este martes o xuízo contra Rodríguez Ambrosio, acusado por un edil socialista dun delito continuado de prevaricación, en relación a contratos de persoal e servizos e compra de materiais entre os anos 2007 e 2009, nos que os seus decretos tiveron 202 informes de reparo da secretaria-interventora.

Rodríguez Ambrosio, que optará á reelección polo PP nas próximas municipais, relatou que os decretos se refiren a contratos moi diferentes, e recoñeceu que algúns se relacionan con subvencione. Indicou que, aínda que coñece “a pureza da lei”, as condicións “en que chegan as subvencións” son outras, e referiuse a prazos para presentar documentación e non as perder. “Tamén se fixeron concursos en casos, cando o permitiron as condicións”, agregou.

“A maioría dos contratos fanse conforme á lei, porque se ten tempo para iso”, afirmou, e engadiu que os reparos da secretaria eran “despois de que estivese feito o contrato”, polo que nunca os considerou “de tal gravidade como para que fosen delitos”.

Amparouse na “falta de tempo” para os contratos en aqueles anos e alegou o seu traballo de axente forestal e “quizais a falta de comunicación e consultas para solucionar todas as dúbidas”. A acusación particular recordoulle que é alcalde dende 1999, polo que, tras os reparos de 2007, podería telos en conta en 2008 para cumprir o procedemento legal, ao que o rexedor respondeu que “dependía das circunstancias”.

NINGUÉN RECORREU NUNCA

Entre os argumentos da defensa do alcalde e explicados por el mesmo, está o feito de que “os contratos non se escondían, senón que eran aprobados na xunta de Goberno e postos en coñecemento de todos os edís no pleno municipal, e nunca houbo unha reclamación nin protesta sobre os contratos”.

Nese sentido, o denunciante, Eulogio Fernández, edil do PSOE en Rairiz ata 2004 e dende 2007 ata a actualidade, explicou que polo menos en dúas actas dos plenos “recóllese a discusión sobre a legalidade do que facía o alcalde”, así como nun escrito que Fernández dirixiu a Rodríguez Ambrosio e que o alcalde dixo non recordar no xuízo.

O edil socialista relatou ademais que no concello había bases de contratación elaboradas cando el era tenente de alcalde, e Rodríguez Ambrosio alcalde polo BNG. “Sempre se contratou segundo esas bases e cando volvín ser concelleiro, pedinlle explicacións porque vin que xa non se facía así e as bases non estaban derrogadas”, expuxo.

Agregou tamén que, aquel mesmo ano comezou a enviar documentación á fiscalía, e logo fíxoo en varias ocasións máis, segundo se ían sucedendo os contratos con reparos. “Pódese dar un caso en que por falta de tempo poidas perder unha subvención, pero non en máis de 200″, declarou o edil denunciante.

AUSENCIA ABSOLUTA DE PROCEDEMENTO

Pola súa banda, a secretaria-interventora de Rairiz de Veiga declarou como testemuña que o alcalde era o “órgano competente para a contratación” e que o facía segundo o “seu propio criterio”, ás veces cunha oferta xenérica enviada á oficina de emprego “e noutras ocasións nada disto”.

En resposta a preguntas da acusación particular e do avogado da defensa, a funcionaria estatal explicou que se decataba de que había contratos cando xa estaban feitos, e algún “fíxose cando estaba de vacacións” e soubo del no momento de pagar a nómina. Os seus reparos eran por escrito e verbais “antes ou de forma simultánea ao acto de contratación”.

Engadiu que o alcalde non xustificaba a necesidade dos contratos, de forma “que ía ao seu criterio, con ausencia absoluta de procedemento, sen respectar os principios de igualdade, mérito e capacidade”. Confirmou tamén que se contrataba persoas que xa estiveran contratadas antes no concello.

O xuíz quixo saber os motivos que alegaba o alcalde cando a secretaria, de forma verbal, lle poñía reparos a algún contrato e ela declarou que Rodríguez Ambrosio lle daba “a razón” e lle explicaba que facíao así “por urxencia e para non perder subvencións”. Non obstante, atribuíu esa urxencia á falta de previsión do alcalde.

A secretaria engadiu que comezou o seu traballo en Rairiz de Veiga en 2006 e, aínda que non recordou ver as bases de contratación, asegurou que “nunca” as aplicou. Dixo saber só que en 2007 se valoraba ser demandante de emprego, “pero logo eliminouse ese criterio”.

Ademais, declararon outras dúas testemuñas, edís do BNG antes de 2011 con Rodríguez Ambrosio e un dos cales agora é do PP, como o acusado. Dixeron descoñecer que houbese bases de contratación e que non había paro no concello porque nos contratos se daba prioridade a traballadores e empresas do ámbito municipal.

Tamén explicaron que o aforro que supoñía contratar directamente os traballadores e comprar o material permitía aos veciños contar con infraestruturas que non teñen os de calquera outro municipio semellante da bisbarra da Limia.

DOUTRINA ATUTXA

A acusación particular exercida polo edil do PSOE pide unha condena para o rexedor de 10 anos de inhabilitación. Pola súa banda, a Fiscalía non presentou acusación e durante a instrución pediu o arquivo da causa dúas veces. En ambas as dúas ocasións, os recursos da acusación particular resolvéronse na Audiencia Provincial, que ordenou continuar o procedemento.

A defensa formulou como cuestión previa ao xuízo que se teña en conta que “non existe nin un só prexudicado concreto neste caso nin un só prexuízo público” e solicitou que se lle aplique, por iso, a doutrina Botín corrixida despois nos seus matices pola doutrina Atutxa, en relación a delitos colectivos. O xuíz rexeitou a cuestión previa, aínda que anunciou que a estudará.

17 de marzo de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.