publicidade hoxe

Noemi Martín Piñón convértese na mellor deportista cedeiresa do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraDeportes
A-
A+
Festa do Deporte de Cedeira

Festa do Deporte de Cedeira

Noemi Martín Piñón foi elixida como a mellor deportista cedeiresa do ano 2014. Un galardón que lle entregaba o pasado venres o alcalde, Luis Rubido, no marco da XIV Festa do Deporte de Cedeira. Unha cita que congregaba a centos de veciños e veciñas, que enchían o Auditorio Municipal. Os méritos avalan o nomeamento, xa que Noemi Martín é campiona galega de Remo Olímpico e colgouse a medalla de bronce no estatal. Tamén é campiona galega de remoergómetro, tanto en individual como por equipos.

Competía con atletas de altísimo nivel nas categorías de remo masculino (Raúl López Iglesias), fútbol (o primeiro equipo do Cedeira SD), deportes adaptados (Cristian Crespo Taboada), bádminton (Elena López Lourido e Diego Loureiro Taracido), natación (equipo alevín Club Natación Cedeira), hípica galega (Fernando Mera González), BTT enduro (Raúl Bustabad Yáñez), jiu-jitsu brasileiro (Andrés Rodríguez López), triatlón (equipo de triatlón Club Natación Cedeira), atletismo (equipo de atletismo Club Natación Cedeira) e karate (Santiago Cortizas Fuentes). Todos eles, propostos polos seus respectivos clubes. E é que a Festa do Deporte pretende recoñecer o esforzo, a adicación, méritos e outros valores dos mellores deportistas cedeireses do ano.

Durante a Festa, Concello e clubes tamén entregaron as mencións especiais, nas que se destacou o traballo e bo facer doutros deportistas e xente relacionada coa familia deportiva cedeiresa. Estes foron: a Asociación Sobre Rodas, Óscar Pérez Pérez (Parrulo FS), Alejandro Martínez López e Bernardino Rodríguez Cheda (Cedeira SD), Dolores López Lorenzo, Hilda Martínez López, Josefa Pérez Pérez e Mercedes Díaz (Bádminton Cedeira), Enrique Losada Pita (a título póstumo, da Sociedade Caza e Pesca), Equipo Sénior do Taekwondo Cedeira, Daniel Galdo Lagares (Kickboxing) e José Luis Bellas Rodríguez “Telís”, pola sua traxectoria de toda unha vida adicada ao fútbol dende xogador, adestrador e presidente. Completaba esta lista a homenaxe que se lle rendiu a Rosi García Díaz, compañeira e traballadora da Concellería de Deportes, cuxo pasamento deixou un fondo pesar no departamento municipal e tamén en moitos dos veciños e veciñas de Cedeira xa que ela foi mestra de milleiros de nenos e nenas que, con ela, aprenderon a nadar.

23 de marzo de 2015 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.