publicidade hoxe

Mondoñedo dirixe unha campaña de promoción aos centros educativos de Galicia sobre as Covas do Rei Cintolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

Neste ano, tras ter presentado unha Unidade Didáctica sobre a Cova do Rei Cintolo, está a levarse a cabo unha campaña de comunicación cos centros educativos onde se imparte secundaria e bacharelato de toda Galicia co fin de dar a coñecer a cova e as posibilidades que ofrece esta para a formación académica.

Esta comunicación fixo que dende o Concello de Mondoñedo se remitisen 501 cartas nas que se facía a presentación da nova Unidade Didáctica sobre a cavidade e se indicaban as posibilidades de visita á mesma para centros educativos:

“(…) presentarlles un novo material deseñado expresamente para as visitas educativas, unha unidade didáctica que abrangue aspectos xeolóxicos, biolóxicos e arqueolóxicos sobre a Cova do Rei Cintolo en particular e as paisaxes cársticas en xeral. (…)” (Cita da misiva en cuestión)

Pero non só se daba a coñecer isto senón que se comunicaba a posta en funcionamento do Centro de Interpretación da Prehistoria de Vilar para complementar as visitas á Cova do Rei Cintolo dende o momento actual:

“(…) Esta unidade, que complementa a visita á Cova, forma parte dun proxecto maior que é a posta en marcha do Centro de Interpretación da Prehistoria no que se explica a prehistoria da área mindoniense cun importante foco de atención en Rei Cintolo e non só na parte histórica ou arqueolóxica, senón tamén en temas naturais ou etnográficos como son a xeoloxía, a flora, a fauna e os usos tradicionais das rochas calcarias(…).”(Cita da misiva en cuestión)

Como resultado desta combinación, para os centros educativos que veñan a visitar a cova mindoniense, é un feito o levar a cabo un plan de traballo de aula e de campo xa que se lles facilita unha unidade didáctica por alumno/-a para traballar con ela dentro da aula e complementar este traballo cunha visita guiada á Cova do Rei Cintolo e ao Centro de Interpretación da Prehistoria.

25 de marzo de 2015 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.