publicidade hoxe

Mellora das condicións de seguridade viaria na intersección que dá acceso á igrexa de Doroña, en Vilarmaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilarmaior
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mellorará a seguridade viaria da intersección situada no punto quilométrico 3+ 500 da estrada AC-151, Campolongo-Montesalgueiro, que dá acceso á igrexa de Doroña, en Vilarmaior, á fin de gañar en visibilidade e por tanto nunha mellora na accesiblidade e mobilidade dos veciños deste concello coruñés que estará rematada este ano.

Segundo indicou esta tarde a conselleira Ethel Vázquez, durante a visita realizada xunto co alcalde, Carlos Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, con esta actuación “pretendemos dar cumprimento a unha demanda veciñal, que no seu día nos trasladou o alcalde”. A visita da conselleira coincide coa licitación, hoxe no Diario Oficial de Galicia, desta mellora por un importe de 180.000 euros- aos que hai que engadir os 65.000 para a adquisición dos terreos necesarios- e un prazo de execución de cinco meses.

Con este obxectivo, procederase ao cambio de trazado do acceso actual, desprazando 60 metros o punto de entronque coa AC-151; e acondicionarase o noiro da marxe esquerda da estrada, diminuíndo a súa inclinación de xeito que non supoña un obstáculo para a visibilidade.

Trátase dunha mellora no acceso á igrexa de Doroña que suporá beneficios para os preto de 1.200 veciños de Vilarmaior, pero tamén para todos aqueles visitantes que queiran achegarse a coñecer este importantes ben patrimonial levantado no século XII.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destacou que se trata dunha actuación que certifica o compromiso do Goberno galego coa mellora da seguridade viaria no conxunto de infraestruturas que percorren o noso territorio, tamén as dos pequenos concellos do interior, como é o caso de Vilarmaior.

17 de marzo de 2015 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.