publicidade hoxe

Medio Ambiente presenta o protocolo para a posta en marcha do Plan de Saneamento Local aos concellos da Ría de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPoioPontevedraPontevedraVilaboa
A-
A+
Presentación do protocolo

Presentación do protocolo

A Xunta de Galicia deu esta tarde un primeiro paso cara a mellora da calidade da ría de Pontevedra, coa presentación aos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa e Poio dun protocolo no que se definen os termos da colaboración entre as distintas administracións e que supón o comezo dos traballos do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra.

A reunión celebrada esta tarde en Pontevedra contou coa participación do director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e responsables municipais dos concellos de Poio, Marín, Vilaboa e Pontevedra. O representante da Administración autonómica explicou que, tal e como xa avanzara a conselleira Ethel Vázquez recentemente, a intención da Xunta é a realización dun plan de saneamento para a ría de Pontevedra (aplicando a experiencia adquirida na redacción doutros plans de saneamento, como os da ría de Arousa ou a do Burgo) no que se avalíe o funcionamento de todo o sistema de saneamento destes concellos de xeito integral e a afección que se produce na calidade da auga da ría. Deste xeito preténdese conseguir chegar a definir as actuacións máis eficaces para a mellora do funcionamento do saneamento da ría e priorizar aquelas que teñan un impacto máis positivo sobre esta.

A colaboración das administracións locais é vital para a redacción desta planificación e o desenvolvemento das medidas que nela se programen, xa que logo, son estas as que teñen as competencias do saneamento e depuración dos seus municipios. Polo tanto, Augas de Galicia necesitará de toda a participación activa dos responsables técnicos e políticos para abordar este gran reto. Para iso, na reunión de hoxe presentouse un borrador de protocolo no que se define esta colaboración.

A Xunta dá, polo tanto, este primeiro paso cara á mellora da calidade dunha das rías máis importantes da Comunidade. Se os concellos aceptan a man que hoxe lles tende a Administración Autonómica, Augas de Galicia e concellos poderán empezar de xeito inmediato a traballar na análise das redes, paso necesario para poder realizar unha auditoría completa a todas as infraestruturas hidráulicas de saneamento do concello .

Declarada zona sensible

A ría de Pontevedra, circundada polo concellos de Sanxenxo, Poio, Pontevedra e Marín, aglutina a unha poboación de máis de 200.000 persoas. É, ademais, un dos nodos máis turísticos de Galicia, podendo sobrepasar unha poboación estacional de 300.000 habitantes.

Pero este enclave conta tamén cunha fauna moi rica, con especies que en moitos casos teñen un alto interese gastronómico, motivo polo cal, a ría é un motor económico da zona tamén polo seu sector do marisqueo.

Dada a súa importancia e o reto que supón para a sociedade e as administracións públicas a conservación da calidade ambiental da ría, no ano 2001 foi declarada “zona sensible”. Esta figura de protección impón, ademais dos condicionantes establecidos sobre a calidade dos vertidos ás rías, un especial control dos nutrientes que poden chegar dende a súa costa. Así, limítanse, de forma adicional ás restricións impostas sobre unha zona normal, as posibles achegas de nutrientes como o nitróxeno ou o fósforo, e a zona é sometida a un especial control por parte das administracións competentes e da Unión Europea. Ademais, na ría existen 5 zonas de produción marisqueira (Polígonos GAL) clasificadas polo Intecmar coa letra “B” indicativa da calidade microbiolóxica das augas para a cría de moluscos. Mellorar ou incluso manter esa clasificación, que permite a extracción de marisco, implica estritas limitacións tamén sobre a carga microbiolóxica que chega á ría.

5 de marzo de 2015 | 21:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.