publicidade hoxe

Medio Ambiente eliminará un vertedoiro incontrolado no Parque Natural das Fragas do Eume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontedeume
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezará a vindeira semana a eliminación dun vertedoiro incontrolado situado na parroquia de Ombre, no concello de Pontedeume, no límite oeste do parque natural das Fragas do Eume. Así llo comunicou o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito Basanta, ao alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, durante unha reunión mantida nos últimos días en Santiago.

A Xunta de Galicia investirá 330.000 euros nesta actuación, que se atopa nunha zona de especial protección, e que suporá a retirada de todos os residuos depositados e a rexeración do terreo afectado. En total a superficie que ocupa o vertedoiro é de preto de 4.000 metros cadrados. O prazo de execución estimado é de 40 días de traballo.

Como consecuencia dunha denuncia formulada pola Comunidade de Montes Coto de Trapa Pouso e Fonte de Maio, o pasado mes de xullo traballadores da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI visitaron a zona e constataron que o vertedoiro atopábase totalmente cuberto por vexetación. Pola súa natureza crese que se trata dun vertedoiro máis antigo que o xa selado por esta Consellería en 2003. Na súa parte alta, localízase un terreo de recheo que limita cun camiño que á súa vez separa o antigo vertedoiro dunha canteira xunto á estrada AC-144.

En setembro executouse un desbroce ao longo de todo o perímetro do vertedoiro, realizándose unha serie de catas para determinar as características dos residuos depositados, as cales foron acompañadas dun levantamento topográfico para determinar as súas dimensións.

Os traballos a desenvolver suporán a carga e transporte a un xestor autorizado de todos os residuos existentes no vertedoiro, así como o reperfilado dos noiros e a rexeneración da superficie afectada polas obras con especies autóctonas.

27 de marzo de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.