publicidade hoxe

Lousame convoca a primeira carreira popular “Pilar Barreiro Senra” para o 29 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLousame
A-
A+

O Concello de Lousame organiza a primeira carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que terá lugar o domingo 29 de marzo. Unha proba de 10 quilómetros, na súa categoría absoluta, que está organizada polo Concello de Frades, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “levabamos tempo pensando en organizar unha proba deste tipo para que os nosos veciños e veciñas disfruten facendo deporte e tamén para dar a coñecer Lousame por toda Galicia, xa que este tipo de carreiras atraen a xente de distintos municipios e pensamos que pode servir para que coñezan a riqueza paisaxística e patrimonial do noso municipio”.

O prazo de inscrición estará aberto ata as 24:00 horas do martes 24 de marzo a través da páxina web www.emesports.es, onde xa hai máis de cincuenta inscritos. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes). Os demais atletas (xuvenís, júniors, promesas, sénior e veteranos) terán que aboar unha cota de inscrición de 6 euros, que dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas, gardarroupa… Establécese un límite de 500 inscritos para a categoría absoluta e non se admitirán anotacións fóra do prazo establecido ou con datos incompletos.

Premios

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías pitufo, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha das nove categorías restantes, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Lousame tamén entregará trofeos especiais aos participantes máis veteranos, tanto homes como mulleres, así como aos mellores atletas de Lousame da categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

A recollida de dorsais da I Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar entre as 9:00 e as 11:45 horas na praza Teodomiro Hidalgo. Ademais de polo dorsal, todos os participantes, dende a categoría infantil en adiante, estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída.

As probas escolares darán comezo ás 10:20 horas coa categoría Pitufo (nados en 2011 e posteriores) que farán un percorrido de 100 metros. Ás 10:35 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2008 e 2010), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2006-2007) e alevíns (2004-2005) sairán ás 10:45 para percorrer unha distancia de 1.000 metros. Ás 11:00 horas tomarán a saída os infantís (2002-2003) e os cadetes (2000-2001), cun percorrido de 3,5 kms; mentres que ás 11:15 horas sairán os xuvenís (1998-1999) para realizar un circuíto de 5 kms. A proba xeral sairá ás 12:00 horas para percorrer 10 quilómetros.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a alevín, así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba. Os atletas da proba xeral tamén terán dereito a un avituallamento líquido a metade da carreira.

10 de marzo de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.