publicidade hoxe

Lousame conmemorará o Día Internacional da Muller coa mostra “Corpos e Cor” de José Luís Veiras Manteiga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame conmemorará o Día Internacional da Muller, que se celebra este domingo 8 de marzo, coa inauguración da exposición “Corpos e cor”, de José Luís Veiras Manteiga. A inauguración terá lugar ás 13:00 horas na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. O pintor noiés estará acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; e pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, que aproveitarán para dar lectura a un manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller.

“Corpos e cor” é unha selección de pinturas de Veiras Manteiga que teñen á muller como gran protagonista. Uns cadros que son unha explosión de luz e policromía, onde verdes e vermellos, azuis e amarelos, envolven e constrúen unhas figuras nadas dos trazos rápidos de Veiras Manteiga.

José Luís Veiras Manteiga é un polifacético pintor, debuxante, ilustrador e caricaturista noiés que dende o ano 2001 é veciño de Lousame. As súas obras conforman coleccións públicas e privadas en países coma Estados Unidos, Canadá, Tunisia, Holanda, Alemaña, Francia e España. Ten realizado exposicións en Francia (Laval, Rennes, Nantes, París, Caen, Mayenne, Le Mans…), Alemaña (Ausburgo, Mettman, Gundemmigen, Auchach…), Polonia (Opole, Nysie, Gloucholary, Pruoniku, Pazcow…), Holanda (Deventer) e España (Santiago, Plasencia, Segovia, Cartaxena, Madrid, Murcia…).

Entre as súas múltiples actividades culturais, José Luís Veiras Manteiga foi colaborador de distintos xornais galegos como La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Ideal Gallego ou El Progreso, ben como columnista ben como caricaturista. Tamén foi presentador do programa “A Estornela” en Canal Tambre, de 2003 a 2006, e colaborador na TVG. Ten tres cómics publicados: “Folgar de Brigantia”, “Fuxidos” e “Noia, porto de Compostela”. Así mesmo, ten ilustrado obras de escritores como Antón Avilés, Xosé Agrelo, Maxi Olariaga, María Xosé Canitrot, Manoel Fabeiro, Francisco Vidal e Ramón Carredano.

6 de marzo de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.