publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Idoia Cuesta e a Asociación Galega de Artesáns representan á comunidade nos Premios Nacionais de Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOuteiro de ReiPortada dereita
A-
A+

A artesá galega Idoia Costa e a Asociación Galega de Artesáns optarán a alzarse con dous dos Premios Nacionais de Artesanía 2014. Os galardóns entregaranse o próximo 17 de marzo nunha cerimonia presidida polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria.

Os premios son convocados polo Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa cátedra Fundesarte, e a súa finalidade é dar un respaldo institucional aos profesionais e iniciativas empresariais do sector da artesanía. De igual forma, os premios teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento e a competitividade das pemes do sector, para incentivar nestas a innovación, o deseño e a capacidade de adaptación ao mercado.

Na súa IX edición, os Premios Nacionais de Artesanía rexistraron un total de 94 candidaturas (8 de Galicia), das cales se seleccionaron previamente 15 finalistas que optan ao Premio nas súas cinco categorías.

En concreto, Idoia Cuesta será unha das aspirantes na categoría do Premio Produto, que se outorga ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos, mentres que a Asociación Galega de Artesáns é finalista na categoría do Premio Promociona para Entidades Privadas, a aqueles axentes que contribuísen á promoción da artesanía.

Idoia Cuesta

Idoia Cuesta é unha artesá de orixe vasca que revolucionou a cestaría tradicional galega, a través do xogo de materiais e cores. Soubo propoñer distintos usos da cestaría, chegando así a novos consumidores e abrindo un novo mercado.

O xurado valorou a súa habilidade de modernizar a tradición cesteira experimentando con materiais e usos que non son propios do oficio, a súa capacidade innovadora e a apertura de novos mercados adaptando pezas tradicionais ás tendencias actuais. Exemplo de todo iso é a colección “Pandeira”, premiada nesta ocasión. Está composta por unha serie de cestos xurdidos da cultura tradicional a través da unión da madeira de arce, usada nas pandeiretas habituais en Galicia, e dándolles forma de cesto coa afieltrada.

Asociación Galega de Artesáns

A Asociación Galega de Artesáns impulsa o desenvolvemento da APP “Obradoiros Abertos”, www.obradoirosabertos.com, unha ferramenta de información gratuíta, con versións para os sistemas operativos Android e iOS (Apple), que permite localizar xeograficamente talleres artesáns galegos que se poden visitar, puntos de interese artesanal e tendas especializadas en artesanía, con información en castelán, galego e inglés.

O xurado dos Premios Nacionais de Artesanía valorou a súa contribución á posta en valor da artesanía dando visibilidade aos pequenos talleres dispersos na xeografía atomizada de Galicia, ademais do potencial de ampliación a nivel nacional.

O sector artesán en España

Segundo os últimos estudos de EOI, o sector artesán alcanza no noso país os 125.000 traballadores, distribuídos en 40.000 empresas artesás. Representa aproximadamente o 0,4% do PIB, superando os 4.000 millóns de euros de valor engadido bruto. Trátase dun sector económico que é, ademais, un compoñente fundamental do patrimonio cultural español.

Estudos recentes realizados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo reflicten que a artesanía española actual presenta en conxunto altos niveis de competitividade que se apoian tanto no grao de cualificación dos profesionais artesáns coma na introdución na propia empresa artesá dalgún tipo de innovación xa sexa relativa ao produto, ao proceso, organizativa ou comercial.

11 de marzo de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.