publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Gran éxito no concerto-presentación en Santiago do libro-cd “Canta a lúa coas estrelas” para público infantil e adulto

Concerto de "Canta a lúa coas estrelas"

Concerto de “Canta a lúa coas estrelas”

O pasado domingo 8 de marzo, o Teatro Principal de Santiago acolleu un singular concerto presentación do libro-cd “Canta a lúa coas estrelas” que non só foi todo un éxito de asistencia con máis de 400 persoas, senón que fixo as delicias do público captando a atención de grandes e pequenos.

Pilar Varela correu a cargo da presentación do acto no que interviron o recoñecido escritor Xosé Neira Vilas –que participa con prólogo na obra-, o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, a edil de Cultura de Santiago, María Antón e a poetisa Rosalía Morlán Vieites. Á escritora pertence a recompilación de 13 poemas que aparecen no libro; extraídos de “A coitada lúa”, “Estrelas de azucre”– editados por Edicións Fervenza- e “O Castelo da Rocha Forte” -editado pola Asociación Rocha Forte de Santiago- xunto a un poema engadido, un remix de todos os poemas obra do cantautor Manoele de Felisa, quen se encargou de por voz e adaptar a tema musical os poemas que se recollen neste traballo.

A obra presentada está indicada para público infantil e adulto, e clara mostra tívose durante o concerto de hora e media de duración no que as interpretacións vocais solapaban temas máis dirixidos a maiores con outros destinados aos máis pequenos. En varias ocasións o público asistente irrumpíu con aplausos e gritos de “bravo” en recoñecemento ao espectáculo ofrecido.

Ao escenario ademais dos músicos tamén subiu o pequeno de catro anos de idade, Mateo Parra, que tamén colaborou na gravación, que xunto aos animais viventes que aparecen nas cancións como o gato, a galiña, a rá, o can e a vaca, puxeron a parte animada e divertida do concerto.

Ao remate, Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Manoele de Felisa e a ilustradora da obra, Isa Albela, firmaron os exemplares. Así mesmo, cabe destacar a colaboración prestada na gravación por músicos e voces como Jacobo García (piano e violonchelo), Millán Abeledo (violonchelo), Pablo Vázquez Pequeninho (batería e percusión), Pablo Vidal (baixo e contrabaixo), Emilio Solar (voz e trombón), Andrea Vázquez (voz), Conchi Martínez (voz) e Cristina Terceiro (voz).

“Canta a lúa coas estrelas” está patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Trazo, maquinaria Ausama (Lamela, Silleda), Queixos Hoxe (Lalín) e Panadería Cervela (A Estrada), ademais de contar coa colaboración do Concello de Santiago.

A entrada ao concerto foi completamente de balde e mesmo tivo espazo para a solidariedade coa venda de bolsas a 1 euros cuxos fondos recadados irán destinados integramente a Cáritas.

“Canta a lúa coas estrelas” xa se pode adquirir nas librarías de toda Galicia, unha obra para disfrutar lendo e escoitando.

11 de marzo de 2015 | 10:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.