publicidade hoxe

Finaliza o plan de reordenación do tráfico en Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, supervisaron este luns as obras do plan da maior reordenación do tráfico rodado na localidade viveirense das últimas décadas, que Concello e Deputación veñen de rematar. Llano remarcou que con este proxecto, dotado de 185.000 euros do organismo provincial, “respondemos ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos e conseguimos un Viveiro máis cómodo, moderno e accesible do que gozarán os miles de cidadáns que asisten á Semana Santa viveirense, unha multitudinaria cita de interese turístico internacional”.

O plan de reordenación é unha vella reivindicación dos viveirenses, tal e como o manifestaron na xuntanza participativa no partido xudicial de Viveiro para a elaboración do presuposto 2015 do organismo provincial. O seu obxectivo foi desconxestionar a circulación de vehículos e peonalizar o casco histórico, dando continuidade aos traballos iniciados polo anterior Alcalde de Viveiro, Melchor Roel.

“Este proxecto contribúe a revalorizar o atractivo turístico de Viveiro, pois dá valor engadido a unha contorna de gran sigularidade histórica e facilita o seu acceso a todos os cidadáns, ao eliminar barreiras arquitectónicas”, destacou o Deputado mariñano.

Actuacións do plan

As actuacións deste plan comprenderon sete zonas diferenciadas:

– A primeira delas correspóndese co cruce de Verxeles, que dá acceso á ITV e á estación de ferrocarril, onde se creou unha rotonda que permite xirar a vehículos pesados.
– Na segunda, o cruce de acceso ao casco histórico dende Verxeles, creouse outra rotonda que permita regular o tráfico e o acceso ao casco histórico.
– Tamén se actuou na zona próxima á Misericodia, reducindo as dimensións da rotonda e as beirarrúas existentes para mellorar a maniobrabilidade dos vehículos e cambiando a ubicación actual do paso de peóns.
– No tramo comprendido entre a Ponte da Misericordia e a rotonda da oficina de turismo, aumentáronse as dimensións das beirarrúas, soterráronse contenedores de lixo e creouse unha zona de carga e descarga.
– Nesta mesma zona, tamén se reconfigurou a entrada e saída dos vehículos: a entrada realizouse fronte á praza de abastos e a saída pola rotonda da oficina de turismo. Cambiouse a ubicación dos pasos de peóns e instaláronse novos semáforos.
– Na zona da Cruz Roxa, tamén se reubicou o paso de peóns cara a saída da ponte e se mellorou a sinalización horizontal e vertical.
– Finalmente, entre a praza de Lugo e a porta de Carlos V, quedou cun só carril en dirección Celeiro. Deste xeito, o espazo do carril eliminado será empregado para crear prazas de aparcamento para o casco histórico.

Avenida de Cervantes a Praza Juan Donapetry

Tras a Semana Santa, iniciaranse as obras de mellora do pavimento e dotación de servizos no treito comprendido entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry, financiadas con 470.000 euros da Deputación. Consistirán na reposición integral do firme da estrada LU-P-6605 e das zonas peonís da súa contorna con pedra granítica; mellora da rede de saneamento; restitución do alumeado público (situaranse iluminarias ao longo do vial, que serán tipo lead para un menor consumo); canalización dos servizos para o suministro eléctrico e de telefonía (pasarán a estar soterrados, mellorando a imaxe visual); dotación de mobiliario urbano (bancos, papeleras, xardineiras…) e zonas verdes para humanizar a zona; e soterramento dos colectores de lixo. Unha vez finalizadas estas actuacións, levarase a cabo a modificación do sentido de circulación dos vehículos. A rúa terá sentido único de circulación cara arriba, co que se pretende minorar o tráfico rodado e evitar retencións. 

Parque Ambiental

A estas actuacións súmanse as obras do proxecto do parque ambiental, dotadas de 102.814 euros, financiados nun 80% por fondos europeo do Lug02 da Deputación, que xa se remataron. Consistiron, por un lado, na eliminación da zona infantil existente ao fondo do paseo marítimo, a escasos metros da Avenida de Ferrol que rexistra moito tráfico, e no acondicionamento deste espazo verde. Ademais, incluíu a instalación dunha nova dotación noutra zona do paseo marítimo máis céntrica e próxima ao casco histórico, polo tanto, máis segura; de maiores dimensións, con novos aparellos para nenos, cun rocódromo, 400 metros de caucho continuo e carteles informativos sobre a riqueza medioambiental da zona.
 
Preto de 800.000 euros

Con estes 3 plans –reordenación do tráfico, parque ambiental e melloras entre a Avenida de Cervantes e Praza Juan Donapetry-, a Deputación inviste preto de 800.000 euros na transformación de Viveiro e posta en valor do seu casco histórico. 

31 de marzo de 2015 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.