publicidade hoxe

Ethel Vázquez anuncia a licitación dunha nova senda peonil de 1,6 quilómetros en Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPonteceso
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou esta mañá a licitación dunha nova senda peonil que vai desde A Trabe a Anllóns, no Concello de Ponteceso, na marxe dereita da estrada AC-423 Grilloi- Ponteceso, por un importe de 260.000 euros. A conselleira de Medio Ambiente xunto co alcalde de Ponteceso, José Luís Fondo, supervisou unha actuación de conservación fluvial realizada no río Anllóns e que vén de ser rematada por Augas de Galicia.

Vázquez Mourelle explicou que a actuación licitada hoxe trátase da construción dunha nova senda peonil que discorre pola parroquia de Anllóns e acaba na vila de Ponteceso, polo que terá unha lonxitude de 1,6 quilómetros.

Salientou que con este tipo de actuacións buscase fomentar comportamentos máis respectuosos co medio e facilitar a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios.

Como mostra deste compromiso, “a senda de Ponteceso non é a única licitada hoxe”, xa que a esta actuacións súmanse outras dúas sendas: en Baiona, coa prolongación do carril- bici na PO-552, e en Foz, a dotación de beirarrúas na LU-162, 2ª fase en Cangas de Foz. En total esta tres sendas peonís suman un importe de licitación superior aos 700.000 euros. Destacou que as tres actuación contan con fondos Feder, financiados nun 80%.

Defendeu a aposta da Xunta pola mobilidade sustentable e nese sentido se están a planificar a implantación de sendas peonís ou vías ciclistas na rede de estradas autonómicas de sete comarcas galegas. Vázquez recordou que entre as mesmas, está a comarca de Bergantiños, onde en xaneiro deste ano se licitou o contrato para analizar os treitos de esradas autonómicas que atravesan esta zona nos que resultaría convinte acometer este tipo de intervencións.

Uns traballos que permitirán programar e rentabilizar os 28 millóns de euros de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina á mobilidade sustentable en Galicia.

Conservación no Anllóns

A conselleira de Medio Ambiente visitou hoxe o Concello de Ponteceso para supervisar os traballos de conservación fluvial realizados por Augas de Galicia no río Anllóns. Unha intervención que xa rematou e que consistiu na limpeza das marxes do río ao seu paso polos concellos de Ponteceso, Cabanas de Bergantiños e Coristanco.

As actuacións centráronse na retirada de árbores e ramas acumuladas no leito do río e na zona de servidume, o que permite paliar posibles episodios de asolagamentos en momentos de chuvia intensa. En total, actuouse ao longo de máis de 11 quilómetros e os traballos supuxeron unha achega de preto de 29.000 euros.

O investimento efectuouse con cargo ao programa de conservación, mantemento e mellora do dominio público hidráulico das bacías Galicia-Costa 2013-2015, que recolle actuacións por valor de case 840.000 euros. A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego recordou que o obxectivo último é optimizar o estado ecolóxico dos nosos ríos, ao tempo que se minimiza o risco de asolagamentos.

Axilidade para a limpeza de ríos

A Xunta aprobou recentemente o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos e as actuacións de emerxencia en época de seca, entre outros puntos. Con esta nova normativa redúcese de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles e evitar asolagamentos.

Esta nova regulación establece que só será precisa a comunicación previa das tarefas a Augas de Galicia por parte do particular ou administración local correspondente. A simplificación no procedemento fomenta a vontade para mellorar os leitos da Demarcación Galicia-Costa, xa que a actual xestión provocaba que os solicitantes perderan a motivación de levar a cabo esta mellora e acción de mantemento nos ríos.

As actuacións susceptibles a encaixar neste procedemento simplificado son a retirada de árbores mortas e podas que impidan os accesos á canle ou á servidume de paso e a eliminación de materiais de arrastre que obstrúan o leito, así como tarefas de roza sempre que non supoñan un risco de afección ao río ou impliquen a corta de árbores.

Augas de Galicia, a pesar da axilización dos trámites, reserva a potestade de velar polo respecto ambiental destas actuacións e realizará labores de inspección para comprobar a correcta execución dos traballos.

2 de marzo de 2015 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.