publicidade hoxe

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras de mellora da seguridade viaria na travesía de Carballedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anuncia a licitación das obras de mellora da seguridade viaria da travesía de Carballedo, no Concello de Cotobade, por un importe de preto de 100.000 euros.

Vázquez Mourelle trasladoulle este compromiso ao rexedor municipal, Jorge Cubela, no transcurso dunha reunión, na que lle adiantou que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá o contrato de obra da mellora da seguridade viaria na estrada Ponte Bora-Carballedo (PO-233, no tramo comprendido entre un puntos quilométricos
12+240 ao 13+000.

A conselleira salientou que a importancia desta actuación radica no feito de que favorecerá a accesibilidade dos máis de 4.300 veciños de Cotobade e contribuirá a que esta travesía sexa máis segura e transitable.

Salientou que para mellorar o servizo nesta estrada executaranse novas beirarrúas, mellorarase o deseño nas interseccións e construiranse pasos peonís e de acceso a garaxes.

A conselleira manifestou que con actuacións, como a que se licita mañá, queda demostrado o compromiso da Xunta con este concello, así como o interese por dotar os municipios galegos daqueles equipamentos e servizos que se consideran máis necesarios para a mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.

Por último, engadiu que o fin que se persegue con esta actuación é continuar mellorando coas estradas de Galicia e proporcionándolles maior seguridade e comodidade aos conxunto dos galegos, tamén nas zonas rurais.

Recuperación etnográfica paisaxística do balneario de San Xusto
A consellería tamén anunciou que o departamento que dirixe vén adxudicar a redacción do proxecto de Recuperación Patrimonial, etnográfica e paisaxística do balneario de San Xusto, parroquia de San Xurxo de Sacos.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que se trata dunha zona cargada de historia e de elementos de gran valor arquitectónico e paisaxístico, como o balneario de San Xusto e a zona das bañeiras, as fontes de auga, catro muíños e os seus canais de auga, camiños históricos, a ponte romana, medieval e o camiño empedrado a Fentáns.

16 de marzo de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.