publicidade hoxe

Economía e Industria inviste en Betanzos máis de 20.000 euros na mellora do polígono empresarial de Piadela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Betanzos para supervisar o resultado dos traballos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no polígono de Piadela, cunha achega de máis de 20.000 euros, é dicir, o 80% do custe total. Estivo acompañada polo alcalde do municipio, José Ramón García.

A actuación cofinanciada entre as administracións autonómica e municipal consistiu en paliar o mal estado de conservación no que se atopaba a vía de acceso ao parque empresarial desde a estrada AC-542, no lugar de Montellos, debido ao intenso tráfico que soporta a diario. Deste xeito, procedeuse á pavimentacióin da estrada con mestura bituminosa en quente e posterior pintado das marcas viarias e sinalización horizontal.

Do Campo indicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que no caso do de Piadela, en Betanzos, conta con 360.000 metros cadrados de superficie. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiáronse en 2014 destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa consignou 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou a delegada territorial. As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

11 de marzo de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.