publicidade hoxe

Economía e Industria destinou 750.000 euros ao parque empresarial de Forcarei impulsando a súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
O director xeral de Enerxía e Minas en Forcarei

O director xeral de Enerxía e Minas en Forcarei

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, está a colaborar cos concellos na habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Parque Empresarial David Raposeiras, a través deste programa téñense destinado, nos últimos cinco anos, preto de 750.000 euros ao impulso de distintas actuacións no parque empresarial de Forcarei contribuíndo á mellora da súa competitividade.

Deste xeito, explicou Bernardo Tahoces, facilitouse a instalación dunha estación depuradora de augas residuais, a mellora dos viais de acceso, ou a implantación de sistemas de alarma e de comunicación por wifi, mobilizando un total de case 1,4 millóns de euros. Así, só no último ano destináronse 178.000 euros á posta en marcha dun tanque de tormentas, achegando a Consellería preto do 70% do custo da actuación.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e pola alcaldesa do municipio, Belén Cachafeiro, resaltou a importancia dunha orde que impulsou o ano pasado actuacións en preto dunha decena de parques empresariais da provincia de Pontevedra, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da comarca.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Avánzase así na colaboración coas administracións locais, desenvolvendo actuacións que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.

Neste sentido, Bernardo Tahoces sinalou que a Consellería traballa na publicación dunha nova orde co obxectivo de seguir promovendo a mellora da competitividade industrial dos municipios. Así, lembrou, 26 concellos da provincia de Pontevedra beneficiáronse desta orde nos últimos anos, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques e atraendo investimentos empresariais.

12 de marzo de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.