publicidade hoxe

Diego Calvo visita as obras no campo de fútbol municipal de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMelide
A-
A+
Diego Calvo en Melide

Diego Calvo en Melide

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o concello de Melide para coñecer de primeira man o resultado das obras levadas a cabo con fondos provinciais no campo de fútbol municipal.

Durante a súa intervención, Calvo agradeceulle á alcaldesa o seu labor á hora de transmitir as necesidades do municipio e na busca de solucións. Así, a institución provincial puido colaborar na reforma dos vestiarios do campo de fútbol, unha vella demanda tanto dos clubs como das familias que acoden ao recinto.

A Deputación investiu preto de 70.000 euros nesta obra que permite contar cun campo de fútbol axeitado. “As instalacións que tiñamos ata agora non eran as adecuadas”, sinalou Calvo, que considera que agora “se dignifica o recinto”. “Estamos moi contentos de poder axudar ao concello, pero sobre todo en poder axudar aos centos de rapaces e maiores que cada fin de semana están a utilizar estas instalacións”, sinalou o titular provincial.

Ademais, a través do POS, o concello tamén puido adecuar o acceso ao recinto cun custe de preto de 7.000 euros. Por iso, a alcaldesa, Ánxeles Vázquez, agradeceulle á institución provincial o seu compromiso co concello.  “Melide non podería ter avanzado estes anos como avanzou, sen a axuda da Deputación”, declarou Vázquez, que destacou a importancia destas pequenas actuacións que permiten mellorar os servizos aos veciños e veciñas: “Todas as tardes e os sábados e domingos está aberto o campo, polo que podemos dicir que durante toda a semana poden pasar 500 persoas tranquilamente polo recinto”, explicou a rexedora.

Aos seus agradecementos sumáronse tamén os membros das directivas dos clubs de fútbol Atlético de Melide e CF Cire Melide, que estiveron presentes na visita.

Diego Calvo aproveitou a viaxe para visitar tamén o Museo da Terra de Melide, onde se reuniu cos seus responsables para escoitar as súas inquietudes e estudar posibles fórmulas de colaboración.

Remate da Casa da Cultura

Por outra banda, o titular provincial anunciou ante os medios de comunicación que no próximo Pleno provincial se aprobará un convenio de colaboración co concello para rematar a Casa da Cultura.

A Deputación comprométese así a achegar o 80% dunha actuación que ascende a 226.000 euros e que permitirá rematar o primeiro andar. En concreto, vanse ampliar as bancadas con 131 butacas máis, dotarase de equipamento escénico o edificio e vaise proceder ao acondicionamento acústico, a climatización e a adecuación de baños e ascensor.

Deste modo, quedaría rematado o inmoble, que xa recibira axuda da institución provincial a través de convenios anteriores por valor de 464.673 euros.

19 de marzo de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.