publicidade hoxe

Diego Calvo pon como exemplo da colaboración entre municipios o traballo dos concellos do Lambre-Madeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArangaIrixoa
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, destacou hoxe o traballo levado a cabo polos concellos que integran a comunidade intermunicipal Lambre-Mandeo de servizos públicos consorciados como “exemplo de colaboración”. O fixo nunha visita á estrada que une Cambás (Irixoa) con Verís (Aranga) tras unha reforma levada a cabo con fondos provinciais. Na visita estivo acompañado polos alcaldes dos dous municipios:  Antonio Deibe Sanmartín e Alberto Platas Álvarez.

Ambos agradeceron o compromiso da Deputación con este entorno e mostraron a súa intención de seguir colaborando en futuras actuacións. De feito, os concellos de Vilarmaior, Monfero, Irixoa e Aranga traballan de xeito conxunto en distintos aspectos, dende a realización de obradoiros de emprego, ata o feito de compartir todo tipo de maquinaria. Neste sentido, están a punto de recibir unha nova adquisición por parte da Deputación da Coruña, por valor de ata 37.000 euros. Consiste nun rolo vibrante, e un remolque para o seu transporte, que permitirá o mantemento de estradas municipais dos catro concellos.

Ademais, actualmente estes gobernos locais tamén comparten persoal. Se Irixoa, Aranga e Monfero teñen a mesma orientadora laboral, o ADL é común en Aranga, Irixoa e Vilarmaior.

Alberto Platas chegou a dicir, para mostrar a coordinación intermunicipal que existe, que “un non fai nada sen falar antes cos outros tres”.

Por todo iso, Calvo sinalou que todos eles seguen a liña que pretende implantar o goberno provincial de “sacar o máximo partido dos recursos a través da eficacia na xestión e de recursos compartidos entre varios municipios”.

Máis seguridade viaria

Respecto ás obras que se levaron a cabo na estrada e que xa están rematadas consistiron tanto en renovar a capa de rodaxe coma na limpeza de cunetas e a formación de beiravías ao longo de máis de seis quilómetros, dende a parroquia de Cambás (Aranga) ata Verís (Irixoa). Ademais, nun tramo en concreto ampliouse a calzada ata os catro metros para equiparala ao resto do viario.

Todo iso co obxectivo de gañar en seguridade viaria nunha estrada moi utilizada pola veciñanza de ambos concellos. O proxecto tivo un orzamento de licitación de 280.000 euros dos que a Deputación aportaba o 80% (224.000 euros), pero finalmente os traballos se contrataron por 188.399,17 euros.

16 de marzo de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.