publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Covelo presenta a nova web oficial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCovelo
A-
A+

O Concello de Covelo presentou de forma oficial a súa nova páxina web na que viña traballando desde primeiros de ano. As novidades introducidas céntranse na incorporación como elemento visual principal dun slide coas mellores fotografías do municipio sobre as que se anunciarán os eventos e informacións de maior actualidade e máis resaltables da institución.

Outra novidade importante é a incorporación dun portal de transparencia e participación veciñal, onde se colgará toda a información relevante da actividade económica e administrativa que sexa de interese para os veciños, tales como orzamentos anuais, plans de obras e investimentos, axudas e subvencións ou remuneración de cargos políticos e abriranse á participación todos os temas de relevancia para o ben común nos que poida participar a entidade.

Así, no portal de participación veciñal ofrécese a opción de que sexan os propios veciños quen coas súas achegas, suxestións ou alegacións, definan os principais proxectos de mellora ou acondicionamento de espazos públicos, prazas ou contornas singulares sobre os que se pretenda actuar. Na actualidade están en proceso de participación os proxectos de nova ordenación da Praza Mestre Cerviño e o acondicionamento do camiño de acceso á Igrexa de Paraños.

Tamén se poderá participar na elaboración dos orzamentos, na programación das festas e demais actividades lúdicas, culturais ou deportivas e na definición das principais necesidades do Concello e das parroquias.

Outro elemento novo é a creación do taboleiro de anuncios onde calquera veciño poderá anunciar desde a oferta de terras ou vivendas para quen queiran iniciar no rural un novo proxecto de vida, ata un banco de intercambio de tempo ou a procura de socios para proxectos emprendedores na contorna rural, ademais das habituais ofertas e demandas de emprego.

Con estas novidades preténdese dar a coñecer de forma clara e comprensible toda a información derivada da administración local e fomentar a transparencia e participación veciñal nos procesos de decisión sobre calquera aspecto de interese xeral no que teña competencia o Concello.

23 de marzo de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.